| 1º salmón que pesquei hai anos, en Seward, Alasca, |
Se
hai unha tradición na miña casa en tempo de Nadal é o salmón salgado e afumado
que preparo eu mesmo. Aprendín dunha muller atabascana chamada Carol na súa casa
nas aforas da cidade de Anchorage, en Alasca. Ela ensinoume como facer adobo
previo ao proceso de afumado. Anda que non saberemos nós os galegos de
afumados, pero sobre todo de afumados de carnes de porco despois da matanza.
Tamén soubemos de salgado de peixes ou de secado ao sol, senón que pregunten na
Costa da Morte. O caso foi que empecei a adobar e afumar salmón dous anos
despois daquela miña primeira viaxe a
Alasca, grazas ao afumador que me trouxo dende alá a miña irmá Rosa.
Ilustro
esta nota cunha foto que xa ten anos, a do primeiro salmón que pesquei en
Alasca, no porto da localidade de Seward, empregando a técnica do roubo, nada
meritoria; este método consiste en lanzar a tanza que ten unha especie de
poteira ao final no momento que divisas un grupo de salmóns, tiras forte e malo
será. Afortunadamente, pesquei de verdade con culler unha manchea de salmóns
noutras ocasións. Carol pertence á familia atabascana, un grupo étnico e lingüístico da Costa Noroeste de América
con diversas nacións segundo o territorio: en Alasca e Canadá son os Dena ou
Dena’ina, os Hupa ou os Gwich’in de For Yukón, en Oregón e California son os
Navajos e os Apaches, xa sexan Mescaleros, Chiricahuas e outros. No perfil do
seu facebook, @carolseibert, ten fotografías espectaculares cos vestidos
tradicionais.
Dende a miña primeira viaxe intereseime pola Costa Noroeste, despois escribín libros relacionados con ela e coas culturas da rexión. Penso volver sabendo que non vou poder entrar en Alasca polas miñas opinións sobre a decadencia do imperio, que como todos na historia, vai podrecer por dentro, xa o está facendo. Mais as mesmas sensación e as mesmas culturas ocupan os espazos das dúas provincias canadianas máis occidentais: o Yukon e Columbia Británica, onde a presenza de mariños galegos na exploración e os primeiros contactos con aquelas culturas foi importante e ségueo a ser na actualidade.
Mágoa no poder ver os
amigos alascanos, ou si?
Comentarios
Publicar un comentario