| Faro da Illa Virxe, Plouguerneau, Bretaña |
Dende
que os faros foron automatizados e rematou a estela romántica e
solitaria da vida do fareiro, dos fareiros que vivían en illas nas que eran
os únicos habitantes, o atractivo mudou sen cambiar demasiado. Agora o
romanticismo e a aventura forman parte do turismo, dun turismo especial
que busca lugares, espazos e sensacións en contacto coa natureza. En Galiza
temos varios faros reconvertidos en hoteis ou pousadas onde durmir, como os de Fisterra,
Lariño, a illa Pancha ou o de Silleiro, lugares con contornos
para os que os cualificativos non serian suficientes para definir a beleza e as
emocións a sentir.
Estes
primeiros días de xaneiro de 2026 puiden ver en dous xornais que leo, La
Vanguardia e El País, sendas reportaxes falando dun faro do que
souben por primeira vez en 2008, cando fun convidado a visitar a vila costeira de
Plouguerneau, no Finisterre bretón, o faro de l’Île Vierge. O
rechamante para os que asinan as reportaxes é a conversión do faro en pousada
perfectamente equipada para recibir turistas que busquen vivencias especiais,
de illamento e de contorna espectacular.
O
faro da illa Virxe son en realidade dous faros, un con vivenda asociada, construído
a mediados do século XIX e outro impoñente, o máis alto de Europa, hai
quen di do mundo, cos seus 82,5 metros de altura construído integramente con
pedra granítica en 1902; unha esqueira de caracol con 365 chanzos leva a quen
non teña vertixe, xa que a varanda de ferro é moi simple e totalmente diáfana,
ata a lanterna dende a que hai unhas vistas que en días claros abarcan medio
mundo. A pousada está na vivenda do faro antigo e á illa, loxicamente hai que
ir en barco, aínda que ás veces, con mareas vivas, pódese chegar camiñando,
pero mollando os pes, iso afirman os veciños de Plouguerneau que son os que
atenden o faro. A illa Virxe e o seu faro son imprescindibles para a navegación
polo Canal da Mancha cuxa entrada dende o Mar Céltico é por alí.
A foto esta feita dende a casa do meu amigo Denez. Foi estimulante
traballar con el, no seu despacho, vendo a través da ventá como o faro orientaba
os mariños.
Comentarios
Publicar un comentario