Non hai nada mellor para iniciar a nenas e
nenos na lectura que os libros de aventuras nos que os adolescentes son protagonistas. E se esas
aventuras foron escritas por excelentes autores acabarán converténdose en
referentes, xeración tras xeración.
Moitas veces, nesas aventuras van implícitas cuestións sociais que, co paso dos
anos, aportan novas perspectivas, sen esquecer que hai que ler dentro do
contexto no que autor ou autora viviron e expresaron o seu talento.
Traio isto á bitácora porque quero falar da serie de tv titulada “Stranger Things”, unha serie que me recomendou a miña filla Eri quen me dixo que, para ser estadounidense, defende valores tan europeos como os da comunidade de amigos, os da amizade, solidariedade e procura dun obxectivo común, que non é outro que salvar o mundo. Seis adolescentes de instituto, coa presenza de dúas estrelas como Winona Rider e David Harbour lideran o cartel dan vida a unha serie de personaxes inocentes, simples, veciños dunha vila pequena no medio rural de Indiana, con mentalidades limpas, en pleno desenvolvemento.
A serie está chea de homenaxes. Porén, o primeiro que me veu á memoria foron as aventuras de “Los cinco” de Enid Blyton ou do club de “Los siete secretos” da mesma autora. Pero as referencias aos anos oitenta, en peiteados, roupa e música, habendo tamén temas de décadas anteriores, así como as homenaxes a secuencias de Indiana Jones, ET, Apocalypse Now, Poltergeist ou Christine, son nítidas. E que me din de cancións como “Running up that hill” de Kate Bush ou “Should i stay or should i go” de The Clash, ou cancións de Police, Madonna ou Scorpions...
Máis hai un detalle significativo que non pasa desapercibido: os malos son monstros, os rapaces e as súas familias e os veciños loitan contra eles. Os monstros terroríficos son seres creados polo goberno estadounidense, os malos son o exército e o goberno dos EEUU. Que lles parece!

Comentarios
Publicar un comentario