O tizón de Nadal

 

O tizón de Nadal

Nadal e fogar semellaron sinónimos durante moito tempo; tiña lóxica que fora un tempo de recollemento e de xuntanza familiar, máis alá das crenzas relixiosas e da tradición cristiá, na que se lembra dende o nacemento de Cristo  ate a chegada dos Reis Magos. Esa lóxica ven marcada por ser o inicio do inverno, solsticio que terá lugar o domingo 21 de decembro, e polo tanto do frío e, noutros tempos, da neve en moitas comarcas de Galiza. Era normal facer boa parte da vida coa familia xunta arredor do fogar, entendendo por fogar o lugar onde se fai o lume, o lugar onde está o pote a quentar, onde se cociña, o lugar onde están a mesa para xantar e os escanos onde sentar, mentres se van contando noticias que chegan doutros lugares e historias e contos populares que engrandeceron a tradición oral (diso sabe moito a investigadora Camiño Noia autora  dun magnífico libro sobre os contos populares na tradición europea).

É no fogar onde atopamos un dos elementos fundamentais da tradición galega no Nadal (sinto dicir que non son as luces de Vigo): o lume. O lume é unha deidade, así nolo conta Manuel Murguía na súa impoñente obra Galicia. Se para min o Nadal comezou onte, aniversario do meu irmán Xermán, ratificouse dende neno o día 22 co espectáculo da Lotería, data tan importante ou máis que a chegada dos Reis Magos se tocaba o gordo, e continuaba nun lecer continuo ate a volta ao colexio despois do 6 de xaneiro.  Mais o fogar era a sede do lume, e o lume era a alma da casa: o lume morto implicaba casa deserta. Chegado o día de Nadal, poñíase a arder unha gran acha que tería que durar 7 días, ata fin de ano, era o tizón de Nadal. O primeiro de ano había que limpar o fogar de todo resto  e prender o lume novo, acto que facía o avó co maior respecto pola deidade traída do sol por un paporroibo. Ese lume novo debía durar todo o ano, prendendo ao día seguinte novas achas cos rescaldos do día anterior. Como se protexía o lume dun dia para outro? Coa propia cinza. O lume é tradición galega de Nadal.


Comentarios