![]() |
| Á miña esquerda Fernández, Garrido, Pertierra e García |
Titulo esta recensión lembrando a película de Martin
Scorsese Goodfellas
(Bos rapaces), traducida ao español como Uno de los nuestros,
interpretada maxistralmente por Liotta, De Niro, Pesci, Lorraine Bracco ou Sorvino;
película de mafiosos que reflicte de xeito impoluto e definitivo o sentido de pertenza. E diso quero falar, de pertenza,
de libros, de amigos e do humor como elemento inelutable.
Os amigos que ilustran a fotografía,
gozamos dunha velada literaria en Barcelona no pasado mes de outubro;
tratábase dunha cea na que se celebraba o libro, a industria
editorial, con toda a purpurina posible e, tamén, coa profesionalidade e bo
facer do enorme equipo da organización, equipo que sempre bota a casa pola
ventá.
Durante a cea, azafatas e azafatos foron
pasando por cada mesa cunha manchea de libros, de dous autores do selo
organizador, para que cada un dos convidados, cada un de nós, elixira con cal quedaba de agasallo.
Un dos presentes na miña mesa abriu un
deses libros polo principio, dun autor coñecido, e púxose a ler en voz alta, so para que o sentíramos
na mesa, as dúas primeiras liñas da novela e, crendo que se trabucara, volveu
reler; pero non, non se trabucara, simplemente a frase estaba mal construída
e non tiña ningún sentido. Outro dos presentes abriu o libro ao chou, por
calquera páxina, e leu unha frase que resultou tan patética que todos dixemos
que o estaba inventando, comprobamos que non. O libro non era de humor, aínda
así repetimos seis ou sete veces a operación de abrir o libro ao chou e sempre
atopábamos con facilidade algunha frase de outro planeta. Insisto, o libro non
era de humor, era unha “novela” da industria editorial dun autor coñecido
por saír en programas de tv. Novela que o ano anterior fora lanzada con toda a
forza editorial dos grandes autores, con presentación a prensa española en París.
Pero o autor, cambiou de grupo de comunicación e, quizais, tampouco vendeu
tanto como se agardaba. Xa non era un dos nosos.

Comentarios
Publicar un comentario