A finais da década dos anos 60 do século
pasado, en pleno esplendor de todos os estilos musicais, xorden dous irmáns aportando
un contrapunto tradicional e social á música folk irlandesa, tan paradigmática
no mundo celta, son os irmáns Finbar e Eddie Furey. A mediados dos 70’s
outros dous irmáns incorpóranse formando o grupo The Furey’s. Ata aí
todo normal, salvo que esta familia non formaba parte do stablishmen
social considerado normal en Irlanda; os Furey’s eran da etnia nómade, eran os “sen terra” que ían dun lugar a outro sendo
irlandeses de pura cepa.
Mais o racismo, presente en todas
as sociedades occidentais dende sempre, tamén na nosa, aplicou todo o seu rigor
contra esta etnia, considerándoa inferior e referíndose a eles de xeito
despectivo como chatarreiros (tinkers) ou xitanos (sendo irlandeses);
de aí que cantaran cousas como This town is not your own, que
aínda que non a escribiron eles deulle moito xeito ao seu sentir.
Lendo sobre Irlanda e pensando en
amigos irlandeses, non tardarei en escribir sobre isto, escoitei este disco da
miña colección de folk mentres me repasaba os meus pensamentos sobre ese país
verde, como o noso, celta, como o noso, e complicado, como o
noso.
Recomendo este disco, o da foto, Finbar
e Eddie Furey e calquera outro destes dous irmáns ou da familia ao completo.
Saliento aquí que hai unha canción dos Furey’s que é tan fermosa que moita
xente a canta nos enterros ou llela canta alguén querido na súa tumba, Steal
away, sobre todo entre os da etnia nómade irlandesa.
Comentarios
Publicar un comentario