Ao norte de San Francisco, cruzando o Golden Gate

 

San Francisco e o Golden Gate baixo a brétema, na miña primeira viaxe  a S.F.

O 3 de outubro de 1775, un mariño de Corme, na Costa da Morte, fondeaba nunha baía na costa setentrional de California na que ningún europeo o fixera antes. Iso sucedeu hai 250 anos, un ano antes de que as 13 primeiras provincias dese imperio decrépito, vai camiño de converterse nun anticipo de The Walking Dead, chamado Estados Unidos de América se independizara de Inglaterra. O comandante do barco, por chamarlle con xenerosidade pois so tiña pouco máis de dez metros de quilla, aceptou a proposta do seu primeiro oficial, o rapaz de Corme, de bautizar aquela baía como Baía de Bodega que era o seu apelido. O rapaz de Corme chamábase Mourelle da Rúa.

Dende entón, aquela baía foi medrando ata converterse nunha vila que vive, dende hai moitas décadas, do mar, da pesca e do surf e outros deportes náuticos. Bodega, grazas á súa baía, semellante a unha das rías galegas, converteuse nun lugar de escapada para os habitantes ricos de San Francisco, que fixeron alí unha segunda residencia. Quizais foi por iso que Alfred Hitchcok colleu o andante e co seu coche, cruzando a mítica ponte do Golden Gate, conduciu unha hora e media cara Bodega, ao norte da cidade das brétemas. Gustoulle o lugar, pareceulle apropiado para rodar unha das súas películas máis emblemáticas: Os paxaros.

O éxito do filme potenciou o turismo cara Bodega Bay, mais sen desmedrarse. Por iso, se un se pasa por San Francisco, a cidade do flower power e do movemento hippie, sempre pode cruzar a ponte máis famosa do mundo e visitar a vila dos paxaros, Bodega e, quizais, lembrar que foi un galego quen lle puxo o nome que 250 anos máis tarde aínda se mantén.


Comentarios