Irlanda e Galiza

 

En Santiago de Compostela, Alejandro Jorge e mais eu con John Banville

Hai que ler en contexto. Fora de contexto todo, unha idea, un mito, unha relación, pode resultar fora de lugar, incluso patética. E Irlanda e os irlandeses  hai que velos con perspectiva, como todo na vida. Esta primeira reflexión non lle resta importancia á visión de Irlanda que nos transmitiron os membros da Xeración Nós, os intelectuais que co seu labor picaron moita pedra para que Galiza chegara a ser o que é e, se me apuran, ao que debería ser. Irlanda foi un espello para eles, como agromante nación celta que daquela se independizara, defendendo os seus costumes, tradicións e historia e, por suposto, a súa cultura.

Irlanda é un pais verde, coma o noso, cunha cultura coa que compartimos certas ideas e tradicións, musicais incluídas, formando parte ambas dese chamado mundo celta. Porén, Irlanda é ultracatólica, con todo o que iso significa, cunha fe cristiá que impregnou transversalmente toda a vida social e política da illa esmeralda, cun patrón, San Patricio, celebrado en todo o mundo onde hai un irlandés ou un galego que adore Irlanda; tamén, co retraso na independencia da muller e nos seus dereitos e con numerosos casos de pedofilia, asasinatos e corrupción católica de portas dentro de conventos, internados e colexios, mentres as demais institucións miraban para outro lado.

Pero Irlanda ten cousas boas, moitas, e moita xente moi boa. So pensar nos músicos actuais, Rory Gallagher, Van Morrison, The Pogues, Sinéad O’Connor, The Corrs ou The Cramberries (Onde está U2? Non me gustan os telepredicadores) son un exemplo. Nas letras habería que destacar a John Banville, admirado e lido en todo o mundo, eterno candidato ao Nobel que nunca gañará (iso me dixo el mesmo, e explicoume por que) ou Emma Donoghue. Vaia embaixadores para que todos quedemos pasmados.

De todo iso falabamos paseando polas rúas de Compostela John Banville mais eu, sorprendido polo que el consideraba certo patetismo na adoración a Irlanda.


Comentarios