![]() |
| Capa de DVD |
En 1971, Woody
Allen estreou a súa película “Bananas”. España vivía con ansias
de liberdade os derradeiros anos da ditadura franquista, porén, a
película tamén se estreou en España porque, claro, era unha comedia dun xudeu
norteamericano, non podía ser subversiva. Woody Allen non daba puntada
sen fío e aproveitou a frase atribuída a Bernard Shaw “Se queres que a
xente coñeza a verdade, cóntalla con humor, fai que rían, así quizais a entendan
e non te maten”.
“Bananas” é unha crítica
feroz, contumaz, das ditaduras latinoamericanas, daquela tan
frecuentes, e ao intervencionismo dos EEUU apoiando ou suscitando cada
unha delas. So dous anos despois da estrea, un premio Nobel da Paz
chamado Henry Kissinger, tamén xudeu, foi o precursor do golpe de
Estado contra o lexítimo e democraticamente electo Salvador Allende,
o que levou a unha cruenta e longa ditadura que sufriron os chilenos durante 17
anos. Se revisamos “Bananas”, veremos
que está tan vixente ou máis que daquela. EEUU asasina persoas, sen xuízo
previo, por ir en “supostas” narcolanchas por augas internacionais. EEUU
ameaza con atacar militarmente Venezuela para derrocar o seu goberno
actual, non podo dicir lexítimo neste caso, para colocar no seu lugar unha
muller chamada María Corina Machado, de moi dubidosas artes, o seu
premio Nobel foi moi criticado internacionalmente, pero claro, se miramos o
palmarés dese premio so vemos incitadores de violencia.
Antes, cos nosos
ollos inocentes de incipiente democracia, víamos repúblicas bananeras lonxe,
pero agora, hoxe en día, escoitando a Joaquín Sabina, un home que me cae
mal, de quen me gustan a maioría das súas cancións, penso, reflexiono, mirando
esta España plural e tan distinta, penso en porqué está tan crispada, tan violenta,
tan desmedida, tan mentireira, tan alimentada de veleno por quen debería ser un
partido democrático, pero tan afastado das dereitas e centrodereitas que si o
son... e mentres, no tocata está sonando “Pongamos que hablo de Madrid”.

Comentarios
Publicar un comentario