Onde
vas, Venezuela? Onde vas? Vivimos nun mundo gobernado por abusóns.
Matóns de barrio (ricos), ex-KGB aspirantes a James Bond e
chineses que van ao seu, o enriquecemento das grandes familias multimillonarias
da oligarquía do Partido Comunista (si, leron ben, Partido Comunista) chinés.
O mundo está repartido entre abusóns: África para China (quizais non
toda), media Europa para a recuperación do imperio da antiga URRS e América
latina para o abusón laranxa.
Latinoamérica,
non se enganen coa “madre patria”, sempre se mirou no espello dos EEUU, sempre
se refuxiou na igrexa católica e nas numerosas seitas xurdidas do
cristianismo seguindo o exemplo dos telepredicadores dos Estados Unidos.
Venezuela tamén. Neste xiro ultradereitista
auspiciado polo abusón laranxa, léase Milei, agora Kast en Chile
(non aprendemos, onde houbo ditaduras o virus persiste), a Venezuela non lle quedan dous telexornais. Cal é a
situación? Quítate ti que me poño eu. Obviamente, Maduro non é Allende,
nin de lonxe. Co que un violador dos dereitos democráticos vai deixar o poder
para que o ocupe unha admiradora da maquillaxe laranxa, Premio Nobel da Paz
(por defender a intervención estranxeira no seu propio país), que instaurará
unha pseudodemocrácia tutelada polos EEUU, baixo a beizón divina
dun deus que, polo que se ve e afirman os seus representantes na terra, é de
ultradereita. Un extremo vai deixar
espazo a outro extremo ( e a sociedade vai seguir sufrindo e vendo como
lle rouban a súa riqueza). María Corina Machado, co seu crucifixo
dourado colgado do pescozo está preparada, agardando o seu momento.
Unha
boa amiga venezolana, muller de éxito nas finanzas e noutros eidos nos que o
seu país ten sona, díxome hai anos que cando deus fixo o mundo, deulle a Venezuela
todas as riquezas, e que cando San Pedro protestou díxolle: tranquilo, que
agora poñemos venezolanos. Esta brincadeira sería aplicable a moitos países, ao
noso tamén. Parafraseando a Julia Otero, as masas, por desgraza, votan
ou elixen en contra dos seus intereses.
Comentarios
Publicar un comentario