Redes sociais: Coñecidos (de lonxe) vs. Amigos

 

"Xogo de nenos" Francisco de Goya. Museo de Bellas Artes de Valencia

Vanse cumprir dous anos da prohibición dos móbiles nos recintos escolares galegos durante a xornada lectiva. A noticia deste 10 de decembro, a nivel mundial, foi a entrada en vigor da prohibición do acceso dos menores de 16 anos ás redes sociais en Australia. Non foi unha decisión gratuíta froito dunha arroutada, foi un unha decisión tomada despois de anos de estudo e debate. Foi unha decisión revolucionaria, como poñerlle cancelas ao campo, con resultados que coñeceremos co paso do tempo. Tailandia quere sumarse a esta idea e varios países de occidente están dándolle voltas ao asunto: Que podemos agardar de Europa? A pouco que presionen dende o outro lado do Atlántico os oligarcas das redes sociais, so poderemos agardar que os nosos dirixentes (léase Ursula von der Leyen) agochen a cabeza debaixo da terra.

Hoxe, os bolseiros chegan aos medios de comunicación (o que eu coñezo) e a outras empresas con ansiedade; e no mundo real, o laboral no que se queren iniciar, incrementan esa ansiedade. Unha debilidade que podería estar relacionada coa falta de socialización na infancia e co sobre proteccionismo por parte dos pais. 

Lembro, porque o vivín, chegar a casa cos xeonllos ensanguentados, limpar a ferida e saír correndo a xogar outra vez cos amigos que agardaban fora. Hoxe esa situación sería a seguinte: os pais collen o fillo e a urxencias, buscan a algún dos compañeiros de xogo como posible culpable e ameazar con denuncialo, denunciar directamente ao concello por haber grava na calzada, etc.  Iso si, cada un dos ansiosos actuais ten milleiros de amigos nas redes. 

Terxiversación da linguaxe chámase, co fin de manipular e deformar percepcións e conductas, máis doado se son menores; iso é o que fan as Redes Sociais, chamar amigos a quen non o é.

Os amigos xogan, cabréanse, volven xogar, discuten e seguen xogando. Por que? Porque son amigos. Así é como se forxa unha relación de amizade que pode ser eterna, así é como un se fai resistente na vida, sangrando polos xeonllos, rindo cos amigos.


Comentarios