| Agardando o trebón! Museo do Louvre, París |
Tintin e os seus amigos non teñen nada que
ver co roubo no museo do Louvre, non, nin tan sequera David Niven ou Peter
Sellers que tanto nos fixeron rir en A panteira rosa. Tampouco
creo que sexa idea de Trump, por moitos memes e reels que haxa circulando
polas redes; non me atrevería a dicir un non rotundo a que Putin estivera detrás,
ten máis imaxinación, malvada, que o seu socio americano. O que si é certo é
que o roubo foi de película, e isto afírmoo con total convicción, senón, dentro
dun tempo, se localizan os ladróns e as xoias da coroa francesa (¡Vive la
Republique!) axiña veremos a o relato na gran pantalla, ou sexa, en Netflix ou
en calquera outra plataforma de streaming.
Este novo “roubo do século”, ademais de eficaz
e algo chapuceiro, mira que perder polo camiño a coroa de Eugenia de Montijo,
emperatriz consorte de Francia ao estar casada con Napoleón III, o que retrata é
á propia Francia, ao seu presidente, ao seu goberno, ás autoridades culturais e
aos responsables da seguridade dun dos museos máis importantes do mundo: o Louvre.
Ridículo é unha palabra demasiado suave para definir estes feitos. Francia
burlada cun ataque á alma da Grandeur. Outra ferida máis para
unha sociedade descrida, cunha democracia enferma, cunha ultradereita ameazante
e cunha esquerda tan ridiculamente
minifundista que me lembra a española e a galega.
Cada vez sona máis perdida no tempo aquela
frase cinematográfica pronunciada por un
quixote namorado de nome Rick Blane (Humphery Bogart) na película Casablanca.
Comentarios
Publicar un comentario