Os adros das igrexas, ou cando os mortos vivían connosco

 

Mulleres limpando tumbas no adro de Sta.María de Luou

En certa ocasión hai uns anos cando preparaba o libro “Novos pasos por Bretaña” que publicou Xerais, un humanista bretón amigo meu contoume cando íamos de adro de igrexa en adro de igrexa seguindo os pasos de Castelao, que é como dicir na procura dos cruceiros e calvarios, contoume dicía, que a vida das vilas en tempos non tan distantes facíase no adro da igrexa, o recinto acoutado por pequenos muros que rodea o templo e no que estaban enterrados os mortos da parroquia. Máis no adro tamén se celebraban as festas nas que a veciñanza bailaba e cantaba ao son dos ritmos que marcaban os músicos, os gaiteiros, arpistas e demais músicos. Pero é que no adro celebrábase o mercado o día correspondente da semana, alí entre tumbas, sentados nelas mentres despachaban legumes, hortalizas, pan, froitos de temporada, mel, incluso onde facían crêpes e galettes de sarrasin para os que comían na feira.

Mentres o meu amigo Denez Abernot me comentaba esa parte da vida e das tradicións bretoas, eu permanecía atento e abraiado, porque tiña a sensación de que me estaba contando o que durante séculos sucedeu en todas as vilas e parroquias de Galiza. A vida facíase cos mortos e os mortos aproveitaban para saber como ía a vida na parroquia. Xa o dicía Castela na obra Ollo de vidro: ... con que ledicia escoitaría  nas mañás ledas do domingo as conversas dos feligreses.

Os adros perderon a súa esencia ao seren exiliados os mortos a camposantos situados nas estremeiras das vilas.

A festa dos defuntos celébrase o día 2 de novembro, a continuación de Todos os Santos. Así foi a aculturación cristiá dos rituais pagáns dos que algúns quedaron excluídos da liturxia católica. Xa falamos de castañas, pero o principal magosto celebrábase nas casas, ao lume do fogar, na noite do 1 ao 2 de novembro; comíanse as castañas pero non todas; tampouco se apagaba o lume porque esa noite os mortos da familia buscarían calor para mantérense quentiños todo o inverno. Doutros rituais falaremos mañá.


Comentarios