![]() |
| Estatua de Francisco Pizarro na Praza Maior de Trujillo |
A cidade estremeña de Trujillo é
toda un monumento configurado pola presencia de moitos monumentos: dende o castelo ou antiga alcazaba,
a Praza Maior, as igrexas de san Martín de Tours e de santa
María a Maior, os palacios de Orellana, os Escobar e o do duque de San
Carlos, ademais da casa museo de Francisco Pizarro. Se estes exemplos de
riqueza patrimonial non foran suficientes, os guías turísticos ofrecen os
visitantes a ruta de Xogo de Tronos, xa que varios lugares antes citados
saen na famosa serie que enganchou millóns de espectadores en todo o mundo. Un
exemplo pode ser o das murallas do castelo que foron utilizadas como Desembarco
do Rei na devandita serie de televisión.
Para min foi enriquecedor ter visitado a
casa museo de Francisco de Pizarro para ver o contraplano, tras ter estado no
seu palacio en Lima, de cando o estremeño mandaba moito no nacente vicerreinado
do Perú.
Superar a vertixe e subir ata o máis alto
das torres de Santa María a Maior da unha idea de ata onde pode alcanzar a
vista, mirando derredor dende unha torre construída nun outeiro para ver unha inmensidade de terra
cha ata a liña do horizonte. Na propia igrexa, a recepcionista explicoume, nese
momento non había máis visitantes, o máis interesante do templo: o magnífico retablo
e o coro, de estilo plateresco; todo o chan da nave central repleta de
tumbas de personaxes históricos da vila como Pizarro, Orellana ou Loaysa.
A recepcionista, moi simpática, contoume
que esa igrexa non era a súa praza, que ela traballaba na de San Martín de Tours,
de imprescindible visita; Santa María a Maior non lle gustaba porque estaba chea
de tumbas e ademais ela afirma ter visto a dama de branco, unha aparición lendaria
relacionada cunha historia de amor tráxica.
Trujillo paga a pena tamén pola sopa do
bispo, polas migas, polo xamón ibérico ou polo zorongollo,
todo regado cun bo viño da terra, que os teñen.
.jpg)
Comentarios
Publicar un comentario