Navegar á antiga

Ao temón dun galeón, aprendendo dun home de mar
 

Os mellores navegantes están concienciados  co lugar que lles da felicidade: o mar. Nestes tempos de altas tecnoloxías, as embarcacións a vela máis modernas son deseñadas por enxeñeiros aeroespaciais. Por iso hai trimaráns que nunha soa xornada de navegación, cun so tripulante, un mastro de 40 metros de altura e unha vela de 650 metros cadrados é quen de percorrer 1500 km de distancia.  Porén, hai quen prefire navegar “á antiga”, facendo manobras “a man”, sen apoio de tecnoloxía, seguindo  o que o mar e os ventos marcan e os astros indican.

Afortunadamente, tiven moitas veces a oportunidade de navegar a vela polos mares galegos, case sempre en embarcacións tradicionais de Galicia, en dornas, en galeóns da ría, en lanchas... a vela, sentindo o vento na pel, o sol na cara e, nalgunha que outra ocasión, o embate de ondas do noroeste de catro metros cada catro segundos con ventos de 20 nós do nordés, nunha embarcación de sete metros de eslora; a pericia dos experimentados patróns levounos a porto sans e salvos pero con tanta auga enriba que dicir que estabamos mollados era demasiado simple.

Son os bos, os que navegan “á antiga” ou coas mellores tecnoloxías en embarcacións de 20 millóns de euros, son digo, os que máis concienciados están, estamos, defendendo os océanos, defendendo os nosos mares, a biodiversidade e a riqueza do insubstituíbel. Facémolo porque sabemos que os océanos agochan tiburóns, de dúas patas, que non teñen prexuízos en perforar fondos mariños, en deseñar explotacións mineiras subacuáticas destruíndo todo o que rodea a súa desfeita, convertendo paraísos en desastres ecolóxicos de enorme magnitude. Protexamos os nosos mares. Nin un plástico máis nas praias, nin produtos químicos: se queres protexer a pel do sol, bótate a crema ao saír da auga.



Comentarios