Cústame ilustrar este relato cunha foto que reflectira o bon
vivant deste verán, pero pensar con nostalxia ao mirar en setembro unha
praia valeira, sen poder apartar da cabeza as outras fotos, as do apocalipse
centrado nas provincias de Ourense, Lugo e na veciña comarca leonesa do Bierzo, da carraxe.
Vidas humanas perdidas, árbores centenarias queimadas, vides, hortas, a fauna
abrasada... nin Dante Alighieri no derradeiro círculo do inferno puido imaxinar
tanta destrución. Ollo, sen esquecer nin un segundo o xenocidio que sofre o pobo palestino a mans dos sionistas
israelís, coa inacción por parte de Europa.
Lonxe de caer en teorías de conspiración
sen probas, xa veremos se tiñan razón dentro duns anos, traio a colación a
frase dunha historiadora que me dixo “segue a pista da pasta” cando investigaba
un feito para unha novela. A destrución das Médulas, Patrimonio da Unesco, non
será para plantar eucaliptos, digo eu, pero en Galicia haberá que darlle de
comer ao monstro que se aproxima, devorador de eucaliptos, e en terra queimada non haberá oposición
ecoloxista para a minería de terras raras, léase litio e outros minerais tan
necesarios para alimentar a tan desexada e perigosa Intelixencia Artificial.
Porén, chegaron as desexadas choivas, non
ao Bierzo. Con elas, semella que o curso laboral e académico se nos bota enriba
case sen tempo de adaptación, sen tempo para pensar en proxectos invernais, en
utopías soñadas nos derradeiros días de agosto... A auga vai apagar máis
incendios dos debidos, como o da memoria, atacada con mentiras por parte dos
culpables para convencer ao cidadán, xa menos cabreado, que a culpa é dos de
fora, ou é que non nos ven, que non sacamos de enriba os chalecos amarelos! Ademáis so arderon as pedras!
En setembro, Raymond queda so, Cécile xa
non ten celos, e a vida vai continuar a toda velocidade... axiña os
responsables veranse aliviados e salvarán o pescozo porque as eleccións están
lonxe e a memoria e curta.
Comentarios
Publicar un comentario