Sala capitulae, mosteiro de Oseira, Cea, Ourense |
O meu bo amigo Isidoro Cartridge, de
ascendencia galesa, é un home de mundo que ten algo de Capitán Tan, de capitan
Haddock e de Corto Maltés. En certa ocasión, cominoume a acompañalo a un retiro
espiritual no mosteiro de Santa María a Real de Oseira, en terras ourensás do
pan de Cea. Así de contundente mo pediu cando o atopei mendigando na sevillana ponte
de Triana, baixo un sol de xustiza e consciente do absurdo de aqueles padecementos
por non necesitar socorro económico de ningún tipo.
En tempos convulsos e de inmediatez, é cada vez unha maior
minoría a que anda na procura de si
mesmos, buscando destinos vacacionais que permitan a un reflexionar sobre a
vida, sobre o sentido da vida, que hai que vivir sen presas, vivíndoa cada
minuto, cada día, cada ano. E algúns mosteiros poden ser unha boa alternativa.
Sabíao Umberto Eco, pero sabíao mellor ca el frei Guillermo de Baskerville
(léase Sherlock Holmes) cando discutía sobre filosofía co vello, encurvado e cego bibliotecario Jorge de Burgos (léase
Jorge Luís Borges) sobre o sorriso e a existencia ou non dun exemplar do
segundo libro da Poética de Aristóteles.
Galicia é rica en mosteiros medievais
mellor ou peor conservados. Unha viaxe,
diría que cando menos anual, pola Ribeira Sacra coa mente aberta, para non so
ver pedras, senón para sentilas, escoitalas, vivilas, vai ser sempre unha gran experiencia. Porén, o meu
amigo Isidoro (o galés vencellado a Sevilla) buscaba outro tipo de exercicios
espirituais; non pensaba tanto en Aristóteles, nin na regra do Cister, pensaba
máis en Graham Greene e nas súas estimulantes e inspiradoras temporadas en
Oseira, pensaba en Alec Guinness protagonista de “Nuestro hombre en la Habana”
quen tamén pasou polo mosteiro e en Syd Barrett, o fundador de Pink Floyd quen viviu
alí catro anos para prescindir dos psiquiatras e recuperar a súa vida.
Isidoro Cartridge buscaba a éxtase nunha
cela de Oseira coa axuda dunha louzana panadeira que tiña tatuado o rostro de
Corto Maltés moi cerca do paraíso. É tempo de mosteiros galegos, de viaxes
interiores e de paixóns.
Comentarios
Publicar un comentario