| Jonesy ao calor do fogar |
Chove. Mais non todo é chuvia no mes que
nos mete de cheo nas fonduras do outono e que nos prepara para inverno. En Galiza
temos remedios que manteñen o calor no fogar e na alma; son remedios sinxelos
pero contundentes. Novembro é tempo de magostos, como xa falamos,
centrados non so nos días de Todos os Santos e Defuntos, tamén no San
Martiño celebrado o día 11, con tanta importancia en moitas parroquias e
vilas galegas. Novembro é tempo de cocidos. Uns e outros, serven para
que se abran os furanchos onde se facilita aos veciños a oportunidade de
probar o viño novo. Novembro pode vir frío ou non, pero case sempre é un
dos meses máis húmidos do ano xa que, normalmente, chove sempre mais despois.
Por iso, o terceiro remedio, ou o primeiro se me apuran, é o lume, o lume
das fogueiras (semella estar identificado unicamente co San Xoán) de máxima
relevancia na tradición galega neste mes no que hai que queimar a humidade,
fora da casa coas fogueiras nas actividades comunitarias e nas casas co calor
que alimenta o fogar.
Mágoa que en boa parte de Galicia os ceos
estean completamente cubertos e non poidamos ver as auroras boreais
debidas a unha potente exección coronal que vai permitir que se vexan en
tan meridionais latitudes.
Tempo para a lectura. Sería bo recuperar a obra de Mary Shelley Frankenstein: o Prometeo moderno e comparar o relato da escritora británica coa versión cinematográfica de Guillermo del Toro que se acaba de estrear. Sería tempo para escoitar música na casa ou en calquera dos festivais que hai estes días na nosa terra: Outono Codax en Santiago (mágoa o sempre deficiente son na sala Capitol) ou o Festival de Jazz de Lugo, no mítico Club Clabicémbalo. Sería tempo de recollérmonos e pensar en como podemos axudar a evitar a decadencia humana; hoxe é o décimo cabodano da matanza na sala Bataclan de París, o alto o fogo en Gaza é unha quimera... E que me din dos millonarios que pagaban por ir matar civís, safaris humanos, durante a guerra dos Balcáns?
Comentarios
Publicar un comentario