Lisboa, todo luz.

 

Escoitando a Pessoa no Café A Brasileira, no Chiado. Lisboa

Certo. Dende a miña primeira visita a Lisboa, sentín que a luz, a impresionante luz, era un dos atractivos que iluminaban, rúas, castelos, cafés, barrios e, sobre todo, persoas. Lisboa é unha cidade cosmopolita, pero non so agora  porque alí vivan Madonna e outras estrelas rutilantes do mundo do espectáculo norteamericano, ou porque moitos estadounidenses decidiran ir vivir no Barrio Alto, na Alfama ou na cuadrícula deseñada polo marqués de Pombal tras o terrible terremoto do día de Todos os Santos de 1775, terremoto que destruíu boa parte da cidade e que matou, incluíndo  as vítimas do posterior maremoto,  máis de cen mil persoas. Antes dos americanos, xa vivían e/ou visitaban Lisboa moitos africanos dos países que foran colonias portuguesas,  aos que hai que sumar xentes de moitas nacionalidades europeas. Pero é que antes, dende a presenza de íberos, celtas, fenicios, foron moitos os intercambios culturais que houbo na capital portuguesa.

Teño querenza por Lisboa e sinto saudade cando tardo en volver, non quedando outra que reler  Os Lusíadas de Camõens ou meterme na mente de Pessoa co seu Livro do Desassossego mentres escoito a música do querido Carlos do Carmo, de Amalia Rodrigues, de Zeca Afonso ou mesmo de Fausto. Incluso incluiría a Antonio Muñoz Molina polo seu fermoso libro El invierno en Lisboa.

Cando paseo polo Barrio Alto, polo Chiado, por Alfama, polas prazas do Comercio ou do Rossio, todos os mencionados e outros máis camiñan comigo. Seino, síntoo, e así mo confirmou Fernando Pessoa mentres tomabamos un café vendo pasar o mundo, sentados na terraza do Café A Brasileira, que fora fundado como tenda de coloniais a principios do século XX. Pessoa dicíame que cando el non estivera, seguiría estando e eu acredito tal afirmación, Pessoa está en Lisboa, igual que todos os antes mencionados, igual que moitos outros grandes artistas portugueses actuais, que fan Portugal máis grande, non so pola historia e os monumentos.


Comentarios