Arredor do 6 de xuño de cada ano, multiplícanse as celebracións que lembran o Día D, día do Desembarco das tropas aliadas nas praias de Normandía, desembarco que supuxo o principio do fin do terror nazi e dunha esperanza de recuperación da liberdade e da democracia.
Cada vez son menos os xa centenarios superviventes de aquel fito histórico que acuden a seren homenaxeados no lugar dos feitos.
Normandía é un territorio digno de visita, a pesar de ser triturado nas dúas grandes guerras. Dende as costas de Cherburgo ata Ouistreham, sucédense as cinco praias do Desembarco aliado e unha morea de pequenas localidades con fazañas bélicas dignas de seren lembradas grazas aos pequenos pero moi interesantes museos nos que, a parte de paneis explicativos e documentais en bucle, hai restos da contienda como tanques, transportes, armas e munición, uniformes etc. que fan da visita unha vivencia sobrecolledora. O turista bulideiro do exterior convértese dentro dos espazos museísticos nunha persoa que sente o sufrimento daqueles días e o heroísmo dos contendentes. Non digamos se o que se visita son os cemiterios dos caídos en combate.
As praias tamén son para bañarse. Eu fíxeno en Omaha e en Gold Beach e tiven a sorte de atopar a auga a 23º na primeira e a 20º na segunda, algo extraordinario. A sidra é tan boa como a de Bretaña, os peixes e mariscos de igual calidade, imprescindibles os moules et frites e as ostras, sen esquecer que estamos na terra do calvados, o destilado de mazá do que tanto falaba Cortazar. Outro día falaremos de le Mont Saint Michel.
Comentarios
Publicar un comentario