Buganvílea ©maríaarias |
A noite de san Xoán esta moi preto. É hora
de ir pensando en colectar rosas e plantas aromáticas para facer a auga de rosas
coa que lavármonos a cara ao amencer do
propio día de san Xoán. As rosas, en plural, en moitos puntos de Galicia son as
flores de diferentes especies, non soamente as rosas en si mesmas. Por iso traio aquí, a este espazo, a
buganvílea, unha planta con flor moi exótica que so se da ben en climas
tropicais, con ambientes cálidos, que quere moita auga e que non soporta os
fríos e as xeadas. O clima continental non o leva ben pero si o máis cálido das
rías galegas.
O Mediterráneo está cheo de casas con xardíns
con esta planta de orixe suramericano, e presencia na Polinesia, traída a Europa
polo mariño francés da época da Ilustración Louis Antoine de Bougainville. O
séc. XVIII foi o das grande expedicións navais con espírito científico. Dous
nomes galegos destacan entre as grandes
figuras internacionais, Mourelle da Rúa e Xacinto Caamaño, descoñecidos non so
na súa terra, igualmente en toda España; porén, recoñecidos e admirados no
mundo francófono e anglosaxón. Destacan máis en España Malaspina e, sobre todo,
o insigne mariño inglés James Cook, o famoso capitán Cook dos documentais da
BBC.
Francia tivo tamén os seus ilustres
navegantes liderando campañas exploratorias e científicas como La Perouse, Surcouf ou Bougainville. Este último trouxo
mostras de plantas recollidas nas súas viaxes e a buganvílea debe o seu nome ao
mariño francés. Na cidade bretoa de Brest, de onde partiu a súa navegación, hai
un espazo que mira ao mar chamado o xardín de Bougainville na súa honra, onde
podemos apreciar diferentes especies das traídas polo mariño que se adaptaron á
climatoloxía bretoa.
A miña buganvílea é pequena, pero conseguiu
superar o último inverno á intemperie. Promete a súa adaptación. Algún día non
afastado no tempo gabeará por algunha celosía.
Comentarios
Publicar un comentario