![]() |
Parada do Courel ©maríaarias |
Cando visitei por primeira vez o paraíso
do Courel, as fendas da explotación da lousa eran menores e o desenvolvemento
da comarca inexistente. Porén, estando xa no concello de Folgoso, desvieime
cara un outeiro para ter maior perspectiva de onde me atopaba, unha alvariza abandonada
chamara a miña atención. No alto, co que non contaba era coa ducia de colmeas que había
nun prado, colmeas que estaban sendo atendidas por unha muller que as
manipulaba sen protección algunha. Ao
reparar en min, saudoume e coa hospitalidade natural da xente do campo,
ofreceume de beber. Contaba eu cun vaso de auga fresca do regato que pasaba por
diante da porta da súa casa, regato que había que cruzar case sen mollar os pes para entrar na vivenda, pero non, dese regato sacou unha botella da que verteu un líquido que me ofreceu nun
vaso. Preguntei que era aquilo. Dixo: Augamel, con hidromel como nome propio. Estábame ofrecendo
a bebida alcohólica ancestral que coñecía polas historias medievais e polo
cinema, bebida feita por aquela muller para consumo propio e familiar. Aquel
vaso non so me refrescou naquel mediodía tan solleiro, encheume de vitalidade,
sentín que bebía historia e tradición.
Pepe, o meu sogro, fora criado ata os
trece anos en Viariz, unha vila berciana da alta montaña próxima á Pena do Seo
que linda co Courel. Sempre dixo que na montaña aprendera máis ca en ningún outro sitio: tiña escola, e tiña natureza e vida. Sabía do Courel, de lugares como Seoane, Parada ou Folgoso, pois non estaban tan lonxe. Sabía da augamel, mais non sabía de Uxío Novoneyra. Porén, ao ler os seus poemas e os libros sobre el, recoñeceu nos versos de Novoneyra o mesmo dicir que el coñecía de neno. As
letras son patrimonio.
Comentarios
Publicar un comentario