II Guerra Mundial (80 aniversario)

 

Bunker en Point du Hoc, Normandía  ©pemónbouzas

Xa pasaron oitenta anos da vitoria sobre os nazis e a conmemoración neste ano 2025 está debullada (ou desdebullada) nunha paisaxe bélica inflamada por Donald Trump e os seus secuaces tecnolóxicos e radicais ultraconservadores (e analfabetos), Vladimir Putin e os seus lacaios espallados por Europa e, finalmente, por Netanyahu, o xenocida de palestinos e o peor embaixador da relixión xudea. Menos mal que na cidade eterna a fumata branca anunciou un pacifista real, un defensor dos desfavorecidos.

E Europa? Onde está Europa? Como diría Gila, Europa está, pero como está, toda rachada, toda ciscada polo chan, desfeita, desunida, obsesionada co minifundismo diabólico que impide o avance cara a evolución intelixente e xusta do ser humano, cara unha sociedade mellor. Europa lembra coa súa desunión, coa súa debilidade, o minifundismo das esquerdas (léase en todos os países incluída España, incluída Galicia onde sentamos cátedra minifundista mental e social).

Hollywood vendeu con éxito desmesurado o individualismo norteamericano, o dos heroes solitarios (todos eles cowboys, cowboy é sinónimo de ladrón, asasino, cuatrero) cando non dos heroes salvapatrias (léase mundo, planeta terra, galaxia...) como todos eses súper heroes de cómic con superpoderes, tan admirados e imitados por outros salvapatrias da política española, dinosauros que ansían seren aclamados e adorados como o ditador supremo, o emperador da Guerra das Galaxias; representan, claro está o lado escuro da forza, ese lado que tantas veces triunfa grazas aos votos dos débiles e ignorantes, esixentes impertérritos dos seus dereitos, carentes de deberes, dereitos que para eles implican non respectar os dereitos dos demais.


Comentarios