Uxío Novoneyra




Uxío Novoneyra


Flores e libros. Libros e flores. Sempre foi así. Sempre na miña memoria. Primeiro as flores da tradición galega que se conservaba na casa e despois os libros, porque agromaban feiras de libros e postos de libreiros nas rúas, chegaban noticias de feiras madrileñas no Parque do Retiro e nós celebrábamos o Día das Letras Galegas. Maio. Un mes de flores cuberto, un mes de negro sobre branco, un mes de letras, tamén das galegas.




Este ano 2010, a celebración galega estivo dedicada a Uxío Novoneyra. Con el compartín algunhas fermosas horas de radio en tempos nos que en Galicia aínda non había medios públicos. Lembro asemade algún paseo, algún café, algunha tertulia con amigos comúns. Aquel xeito de sentir e de transmitir o sentido, o vivido, que tiña Novoneyra, deixaba pegada nos que estaban preto do poeta. A min deixouma.




Foi por iso que ler algunhas das biografías publicadas por mor da efeméride, como a novelada de Antón Lopo “A distancia do lobo”, que me pareceu exquisita, ou a escrita por Carmen Blanco para A Nosa Terra me lembraron aqueles momentos compartidos. Reler “Os Eidos” foi indescritible. Cada vez que me achego a algún dos versos de “Os Eidos” sinto a forza da poesía galega máis fonda. Non lera “Dos soños teimosos” asinado por Uxío con preguntas de Emilio Arauxo. É imprescindible para comprender mellor a obra do poeta do Courel. Igualmente interesante é o Caderno XIV dos que publica o Centro Ramón Piñeiro, dedicado a Novoneyra e editado por Luís Cochón.




Como non podía ser doutro xeito, no programa cultural Eirado, que se emite os sábados ás 22,20 na TVG2, dedicamos un programa especial á figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, a Uxío Novoneyra. O programa emitiuse o sábado 15 de maio de 2010 e repetiuse na TVG o 17 de maio. No seguinte enlace está o programa completo, no que Uxía cantou a Uxío, e sobre o poeta falaron Carmen Blanco, Luís Cochón, Méndez Ferrín e outros.

http://www.crtvg.es/asfroot/acarta_tvg/EIRADO_20100515.asx




No programa anterior, falou do seu libro “A distancia do lobo”, e de Novoneyra, Antón Lopo.

http://www.crtvg.es/asfroot/acarta_tvg/EIRADO_20100508.asx




Comentarios

Publicacións populares deste blog

La Aldea Maldita

Francisco Caamaño en el Ministerio de Justicia

San Pedro de Rocas en Cuarto Milenio