Pois iso, que a capital do «ruído e da furia»
ten unha feira. Unha feira moi importante na que un pode atopar un mundo, diría
que moitos mundos. Non é grande a feira madrileña como As San Lucas de Mondoñedo
e moito menos que a de Monterroso, iso sábeo ben don Álvaro Cunqueiro, pero
nela, na de Madrid, un pode atopar o universo enteiro en forma de libros,
porque na feira do libro de Madrid hai tantos libros que convén pasear por ela
con moita calma entre as 435 casetas de editoriais e libreiros, ata que chegue
o momento no que algún libro ao que lle interesemos sexa quen de facerse ver e
sentir entre tanto balbordo, para que poidamos achegármonos a el, e a partir de
aí comezar unha relación.
Nesta feira madrileña hai moitos lectores e
hai moito escritor asinando libros, e dun tempo a esta parte tamén hai un espécime
novo que se pasa o día falándolle alto a unha cámara ou a un teléfono móbil
para que o resultado sexa un careto en
primeiro plano, un libro que se ve de esguello ou un escritor/a ao fondo: fanse
chamar «creadores de contido», vaia, o que todo o mundo lles di «influencer».
Son pesados como poucos, mais algúns teñen moreas de seguidores que queren
autorretratos con eles.
Nesta feira atopei moitos escritores
coñecidos, algúns son amigos, todos eles entusiasmados co baño de multitudes
que representa asinar exemplares nesta feira tan grande, non como As San Lucas
nin como a de Monterroso pero grande de verdade. Seino, porque tiven ocasión de
asinar exemplares dalgúns dos meus libros, chegando a sorprenderme pola
cantidade que asinei, sendo como foi unha fungalla comparada co que asinan boa
xente como Javier Sierra ou María Dueñas, por poñer un exemplo de autores de
éxito.
Teño coincidido no Paseo do Retiro de Madrid,
onde ten lugar a feira, con grandes escritores, autores de obras de
indiscutible calidade literaria e atopado libros moi interesantes, máis alá dos
reclamos da industria editorial que aposta boa parte do seu éxito anual nas vendas desta feira, ás que aportan
novidades a esgalla.
Sempre dixen que se os pais teñen un libro nas
mans, os seus fillos tamén o van ter; se os nenos e as nenas ven ler na casa,
eles tamén acabarán lendo. E iso non so é bo, desgraciadamente resulta que é extraordinario
nestes tempos de apoloxistas da ignorancia propia inundando redes sociais.
Por certo, durante a feira, a editorial Planeta
organiza un acto en Madrid no que nos lembra que este ano cómprense 75 anos da fundación do Premio, o máis importante
economicamente do mercado literario español, premio que gañaron, eran bos
tempos, grandes escritores como Cela, Vargas Llosa, Montalbán, Soledad
Puértolas, Echenique, Ana María Matute, Semprún, Torrente Ballester, Gala...
Comentarios
Publicar un comentario