Marilyn, eterna beleza con 100 anos

 


Ao director de cine de orixe romanés, Jean Negulesco, con quen mantiven unha longa conversa seguida por un xantar en Barcelona, preguntáralle por Marilyn Monroe. Negulesco dirixira a Marilyn na película Como casarse cun millonario na que compartían cartel coa mítica loura Lauren Bacall e Betty Grable. «Unha muller incrible –dixo Negulesco-, lista, simpática, traballadora, moi profesional, fermosa e... incriblemente desgraciada en amores». 

Non sendo mitómano, penso que coa efeméride do centenario do nacemento de Norma Jean Mortenson é un bo momento para repasar a súa filmografía, admirar esta actriz e rir coas comedias que interpretou xunto a grandes directores, actrices e actores. Son doadas de localizar Con faldas y a lo loco, Los caballeros las prefieren rubias, Niágara ou El príncipe y la corista.

Daquela, anos cincuenta e sesenta do século pasado, o cine estadounidense vivía un segundo esplendor por parte dos herdeiros do star system, os que viñeran despois das estrelas rutilantes dos comezos do cine sonoro. Daquela, o cine de Hollywood producía películas que retrataban o marabilloso american way of life que o mundo quería imitar, mentres por outra banda facían películas bélicas nas que convencían o mundo de que os “americanos” eran os “salvapatrias” e demócratas por excelencia, sen esquecer os westerns nos que debullaban indios cortando cabeleiras mentres os auténticos xenocidas e ladróns de terreo foran os colonos, santificados como heroes.  

Unha clase media retratada con precisión de cirurxián polo escritor estadounidense John Cheever quen, nos seus relatos curtos, soubo retratar a clase media do seu país, a que vivía en zonas residenciais, con festas e cócteles xunto a piscina, cos coches aparcados na entrada do xardín, coa música branca de Benny Goodman e polas noites con ansias por unha vida mellor, a que retrata as súas frustracións e a falsa felicidade.

Hai seis e sete décadas destes retratos. As ansias por algo mellor convertéronse nun consumismo exacerbado, a falsa felicidade en ansiedade e depresión transmitida aos fillos, a defensa da democracia mundial en imperialismo militarista e intervencionista onde ninguén os chamou (ou si), e a democracia interna nunha caricatura da súa propia sociedade, esa que non soporta o pecado orixinal, fundacional, dun país que se creou masacrando os habitantes primixenios daquel territorio.

O problema, hoxe en día, para os que vivimos con conviccións moi distantes das que promoven eles, o problema témolo aquí nas figuras dos ultra patriotas, defensores dunhas ideas baseadas en mentiras que son quen de traizoar a decisión da maioría dos seus compatriotas, tentando unha intervención estranxeira dos salvapatrias para derrocar o goberno existente. Miremos películas de Marilyn e manteñamos a alerta como prevención contra os que anhelan recuperar a Unidad de destino en lo Universal, é dicir, o regreso ás catacumbas, aos infernos, o atraso económico, o estado policial represor, a censura, as cunetas, o paro e a imbecilidade e a ignorancia como elementos definitorios das clases dominantes.


Comentarios