Miles Davis

 

Miles Davis con Joseph “Foley” McCreary en Vitoria-Gasteiz

Fíxenlle esa fotografía nun momento no que o astro do jazz tivo a ben mirar cara min durante a súa actuación no Festival de Jazz de Vitoria de 1988. Comezara a súa xira Tutu catro días antes nos Países Baixos, continuando en Munich, Stuttgart e finalmente vitoria. Nesa xira, igual que no disco homónimo publicado tres anos antes, acariñaba a fusión co rock e co pop indo máis lonxe ca ninguén no jazz e provocando unha nova revolución musical, como xa fixera en varias ocasións ao longo da súa exitosa carreira, revolución na que o músico Marcus Miller tivo moita influencia.

Miles Davis cumpriría hoxe, 26 de maio de 2026, cen anos; pero morreu tres anos despois de que eu asistira ao seu concerto en Vitoria e, de paso, de que lle fixera a fotografía coa que ilustro esta entrada.

Foi grande e fixo grandes a outros que deron os seus primeiros pasos con el. Tamén tocou con algunhas das estrelas do firmamento jazzistico como Charlie Parker, John Coltrane, Ron Carter, Bill Evans e moitos outros.

Coa súa trompeta deulle un novo sentido a clásicos do jazz e  da música internacional que  o emocionou. Sen ir máis lonxe, unha das xoias da súa discografía e Sketches of Spain, un disco no que brillan con luz propia as súas versión de El concierto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo, El amor brujo de Manuel de Falla, Saeta e Soleá, temas tan españois. Mais non debemos quedarnos aí, porque nese disco Galiza está presente grazas a The Pan Piper, unha alborada galega recollida polo estudoso estadounidense Alan Lomax durante a súa estadía en Galiza.

Se queres entregarte á música de Miles Davis, ademais dos mencionados antes, son imprescindibles Kind of Blue, ‘Round about Midnight, My funny Valentine, Miles Ahead, entreo outros, porque Miles Davis sorprende, pero non decepciona.

Na fotografía aparece tocando a trompeta xunto ao baixista Joseph “Foley” McCreary. Lembro aquel concerto como un dos extraordinarios dos que levo gozado. En Youtube hai moitos vídeos que poden servir para animarte a escoitar os seus discos.


Comentarios