
Grabando, hai uns anos, diante do Teatro Chinés, Hollywood Boulevard, Los Ángeles
Se ter mundo é importante, enriquecedor, ter
estrela pode ser sinónimo de éxito. Do mesmo xeito que ter estado en moitos
lugares, para facer un selfie, non significa ter mundo, ter un éxito non
significa ter estrela.
Mais alá do apaixonante mundo da astronomía,
se hai un lugar no planeta relacionado coas estrelas, coas persoas, homes e
mulleres, con estrela, ese é, sen dúbida, Hollywood Boulevard, a arteria mais
cinematográfica do mundo situada en Los Ángeles, California.
Dende os inicios do cine mudo e do star
system, esa rúa é testemuña, e memoria ao mesmo tempo, da existencia de
figuras míticas do celuloide que teñen a súa estrela nalgún punto das dúas beirarrúas
da gran avenida, do chamado Paseo da fama.
Estiven varias veces alí e busquei estrelas
que me interesaban, non por mitómano senón por verdadeiro recoñecemento. Tamén
fotografei as pegadas de mans e pes dalgúns dos mais rutilantes, os que están
fronte o Teatro Chinés, lugar de premieres con alfombra vermella. O
éxito e a repercusión mundial de ter estrela en Hollywood Boulevard foi tan
notorio que non tardaron en aparecer estrelas cun gramófono ou cun micrófono para
recoñecer cantantes e músicos, humoristas...
Agora Javier Bardem, un dos poucos actores
españois en ter estrela, a súa dona Penélope Cruz tamén a ten, ben de ser
recoñecido co dereito a deixar pegada, si, de mans e pes, ademais da sinatura,
todo sobre unha baldosa de cemento fresco; mérito que so lle foi recoñecido a
200 persoas na historia do cine, pensemos que hai 2800 estrelas en todo o bulevar.
Certamente é unha gozada pasear por Hollywood
Boulevard descubrindo estrelas de xente que admiramos. Na segunda visita que
fixen a esa rúa cadrou coa morte de Anthony Quinn e foi doado detectar a súa
estrela con tanta vela acesa e con tantas flores, nunha homenaxe espontánea dos
seus admiradores e dos afeccionados ao cine.
Entre os actores españois con estrela están
Toni Moreno, un dos grandes galáns do cine mudo, Antonio Banderas e os xa
mencionados Penélope Cruz e Javier Bardem; pero hai músicos como Xavier Cugat,
que ten catro, José Iturbi, Julio Iglesias, Plácido Domingo e Alejandro Sanz.
Boto en falta a Fernando Rey, pero o mundo é así.
Tampouco ten estrela outra cantante de éxitos
mundiais como Bonnie Tyler, que nestes momentos está pasando por unha situación
crítica tras saír dun coma inducido. Unha muller con moitos vínculos con
Galicia onde actúa con moita frecuencia, incluso en festas privadas; unha
muller que pasou por varios programas de televisión que eu presentaba e coa que
compartín unha pinta de cervexa en Carnabie Street, no corazón do Soho londiniense,
cando eu paseaba por aquel barrio lendario e ela me recoñeceu por estar unhas semanas
antes na tele comigo.
Estrelas son quen deixa pegada, e deixan
pegada aqueles que dalgún xeito nos emocionaron no mundo das artes, das letras,
das ciencias, incluso da prensa, radio e televisión.
Comentarios
Publicar un comentario