Dignidade



Seriedade e decoro na maneira de comportarse, calidade moral pola que alguén  mantén o amor propio e o respecto por si mesmo. Son un par de entradas do dicionario que definen a palabra «dignidade». Ter dignidade ou non  define a unha persoa. Pero, indo máis alá, define a un pobo, a unha colectividade. Todos os actos nos definen ante nós mesmos e ante os demais.

Venezuela é un país que leva anos sometido por un réxime ditatorial xurdido das urnas. O secuestro ilegal do seu presidente por forzas militares dos EEUU, aplaudido por unha maioría da oposición que se cría a mensaxe dos «salvadores do mundo e da democracia», so agudizou o problema, desilusionando os demócratas venezolanos que agardaban ansiosos por outra cousa, cegos, encargando o raposo coidar das galiñas. Mentres, unha das cabezas visibles da oposición, María Corina Machado, recibe o Premio Nobel da Paz, premio tan desprestixiado e entregado a xente ignominiosa que calquera persoa con dignidade merecedora dun recoñecemento polo seu traballo pola paz non o aceptaría. Venezuela merece líderes con dignidade.

A falta de dignidade da premiada levou á opositora venezolana á Casa Branca a entregar, axeonllada, a Donald Trump a medalla do Nobel. A falta de dignidade de quen, sentindo medo (con razón), xestionou ante a Embaixada de España en Caracas, representante do Goberno de España presidido por Pedro Sánchez, a posibilidade de exiliarse alí (finalmente saíu ás agochadas), para despois, na recente visita a España, rexeitar a invitación do Goberno para unha recepción oficial  e so xuntarse coa extrema dereita e os seus socios desnortados.

A falta de dignidade de María Corina Machado xa forma parte dos libros de Historia que se están a escribir. Porén, hai que acaer aquí outros cualificativos, como o de «racista» ou o de «patético» que lle van como luva de seda ao cantante venezolano Carlos Baute. Por certo, Carlos Baute ser como é, racista e patético, non implica que sexa un mal cantante de temas comerciais con certo éxito hai anos, pero deixa moito que desexar como persoa, foi peor a suposta desculpa que o seu berro racista.

A dignidade, ademais de voluntariamente, tamén se perde por outros motivos: torturas, opresión, fame... ou por senilidade. Felipe González pertence, probablemente, a este último grupo. A súa perda de dignidade podería explicarse dese xeito, propio dos que chegada unha idade se enrocan nun discurso crendo que ese foi o seu leiv motiv  ao longo da súa vida, e aí o temos, compartindo mesa e mantel coa María Corina Machado e con Alberto Núñez Feijóo, rodeados de xente dubidosamente demócrata. «Chochea» din moitas voces en alusión a González; lembremos que o PSOE antifranquista que foi a Suresnes foi descabezado e descafeinado polos socialistas alemáns regresando a España un novo PSOE liderado por el. Iso explica o que non fixo González durante tanta maioría absoluta, cuxas consecuencias seguimos pagando na actualidade.

Ogallá nunca perdamos a dignidade.




Comentarios