Queredes castañas...

 


... dos meus castiñeiros. Escribía estes versos Manuel Curros Enríquez no poema  O maio incluído no libro Aires da miña terra. Curros menciona as castañas como se foran o único alimento dun pobo, o galego, esmagado por forasteiros e por propios, renegados dos seus costumes, cultura e tradicións: Cantádeme un maio/sen bruxas nin demos/.../usuras nin preitos/.../nin foros nin cregos.

Como dicíamos onte, antes da pataca estaban as castañas. A castaña era fundamental na alimentación galega: a castaña cocíase para comer soa, botábase ao caldo, moíase para coa súa fariña facer o bolo do pote, para facer tortas e pan, cando as colleitas de pan, centeo, millo e outros cereais en menor medida, fracasaran. As castañas apañábanse en outubro  e asábanse, ata hoxe en día, nos magostos. Na actualidade, a castaña é o elemento principal deses magostos que celebramos entre finais de outubro e o mes de novembro, sendo as datas máis sinaladas as que cadran con Todos os santos e Defuntos no calendario católico, os días 1 e 2 de novembro, así como as fins de semana anterior e posterior. No magosto ábrese a espita da pipa de viño novo, prepáranse doces, os típicos en cada comarca, e xunto as castañas, bótanse chourizos e touciño enfebrado ao lume para rematar gozando de alimentos e bebida nun acto, máis comunal que familiar, no que veciños e amigos socializan e renovan vínculos. Lembremos que as castañas duraban todo o ano, conservadas en buratos feitos na terra que se enchían cos ourizos sen abrir de todo e que se cubrían con terra. A medida que se ían consumindo as castañas dun burato, encetábase outro.  Sabedoría popular.

Por iso, nestes tempos nos que acordamos delas so no outono, debemos non esquecer a importancia das castañas na vida cotiá galega ao longo dos séculos, da súa importancia estrema na alimentación e do significado da castaña na cultura popular e na paisaxe galega. Os soutos dos montes galegos son expresión de riqueza e de patrimonio.


Comentarios