O Factor Humano

 


A novela de Graham Green O factor humano ven moi acaída nestes tempos de tribulacións. Sen grandes heroes, con personaxes normais  que forman parte da gran maquinaria (sociedade) desempeñando cadanseu papel, definindo perfís psicolóxicos nos que inciden con forza lealdades, amor, dúbidas, amoralidade, paranoias, segredos... e unha presión do acontecer internacional, guerra fría na súa máxima expresión, que marca notoriamente as persoas normais, os cidadáns, como meros peóns no taboleiro das intrigas entre bloques, daquela a Unión Soviética e os Estados Unidos de América. A película de Otto Preminger é magnífica, pero a novela é fundamental.

Empezou 2026 coa confirmación de que o taboleiro no que o mundo xogaba a partida, para a que había regras que pretendían evitar a apocalipse, saltou polos aires. O abusón laranxa escachouno dunha puñada mentres o pseudoJamesBond ruso aplaude, porque lle beneficia e China, as caladiñas, segue ampliando o seu grao de influencia planetario. Eliminado o problema de Venezuela secuestrando ilegalmente o ditador que chegara ao poder polas urnas, igual que o secuestrador, o abusón quere Grenlandia polas boas ou polas malas, en aras da “Seguridade Nacional”. Europa enteira debería enviar tropas á illa verde (verde so no sur) en atención á Seguridade Nacional Europea, a ver se os líderes espilen dunha vez; a moitos nos gustaría ver a cara do abusón cando alguén lle responde coas súas mesmas armas, porque comportamentos patéticos, humillantes, de lambecús, de lacaios, xa sabemos que non dan resultado, verdade María Corina Machado? Canta vergoña debe sentir a xente demócrata de Venezuela. E en España?, cunha dereita como un barco á deriva  ocupada en pregarias para que o abusón non invada Grenlandia, feito que a descolocaría totalmente, sen saber cales terían que ser as súas fidelidades mentres un foguete chamado ultradereita lles adianta sen problema.

Nestes tempos en que os abusóns nos ameazan, quizais debamos ter máis claras as lealdades, quizais deberíamos pensar máis na familia, os amigos e a contorna, o factor humano.


Comentarios