![]() |
| Fotograma da película Sirãt de Óliver Laxe |
Óliver Laxe, como
todos sabedes, é un galego nado en París de la Francia, que diría Cunqueiro,
con nacionalidade franco-española, formado en Pontevedra e Barcelona e cunha perspectiva
do mundo que ten outra altura, a dun home do século XXI políglota, empezando polo galego, e
universal, que ten claro o que o mundo ofrece, o que lle gusta e o que non lle
gusta dese mundo e o que quere facer e como conseguilo.
Sirãt é a
súa cuarta película. Se coas anteriores acadou premios internacionais
importantes, con esta levou o premio do Xurado de Cannes (Francia), foi
nomeada aos Golden Globe, nomeada en dúas categorías aos Oscar, nomeada
aos Bafta do cinema británico e aos Cesar do francés, e por
suposto aos Goya. Como supoño que todos veriades a película, non vou
falar dela como o crítico de cine que non son, so vou comentar un par de cousas
como espectador: gustoume, porque o universo Laxe segue aí, intacto
dende Todos vós sodes capitáns, porque a súa linguaxe segue a ser
rebelde por natureza, brutal esa natureza fotografada, porque Óliver Laxe
marca as súas normas, e con elas chega lonxe.
Estamos a falar de cinema galego? Ha, ha,
ha. Óliver sabe que Sirãt
é cinema galego porque foi pagada cos meus impostos. Do mesmo xeito que tamén
sabe, como estudoso do cinema, como creador, que se falamos de cinema francés
sabemos que imos atopar, igual que do cinema dos EEUU (armas e tiros) ou do
cinema italiano ou do español (?), polo tanto, sabe que Sirãt non
debería levar esa etiqueta definitoria de cinema galego, xa que ademais de cuestións
xeográficas, non ten o galego como idioma nin foi rodada en Galicia, aínda que
aquí raves hai. Porén, O que arde é cinema galego
coa boca grande!
Que pasa con Sirãt? Pois que se
trata dunha gran película, galega non so polo director, un “túzaro dos Ancares”,
senón porque parte da produción, dos cartos, son galegos. Sorte cos premios por
chegar. Apertas a Felipe.

Comentarios
Publicar un comentario