![]() |
Calzada do Xigante. ©Turismo de Irlanda do Norte |
Irlanda é unha nación celta cunha enorme
riqueza en tradicións, lendas e historia, moitas veces mesturadas nun so
compendio. De feito, o libro máis antigo que se coñece en irlandés antigo, e gaélico,
chamase Lebor Gabála Érenn (O libro da fundación de Irlanda) o cal
contén un primeiro manuscrito, o Leabhar Gabhála na hÉireann, coñecido
como o Libro das invasións. Estes libros
falan dos primeiros míticos poboadores de Irlanda, moitas veces considerados
deidades, uns xigantes, outros monstruosos, todos iracundos, terribles,
violentos, calidades case igualables ás do ser humano do séc. XXI.
A derradeira invasión e conquista de
Irlanda, a do pobo xamais derrotado ata hoxe, foi a levada a cabo polos fillos
de Mil, neto de Breogán, rei da península Ibérica con capital en Brigantia (A
Coruña?), cunha torre pegada ao mar (Torre de Hércules?) Co cal, o pobo celta
irlandés é herdeiro de galegos.
Os fomores forman parte desta
mitoloxía e da loita entre semideuses xigantes de Irlanda e Escocia; loita
relacionada coa famosa Calzada dos Xigantes na costa do condado de Aintrim en
Irlanda do Norte que, segundo a tradición continuaría coa que agroma na Gruta de
Fingal, na illa escocesa de Staffa. A Calzada dos Xigantes é unha espectacular
formación xeolóxica de ducias de milleiros de columnas de basalto de forma
hexagonal.
Ata esta calzada chegan cada ano milleiros
de visitantes entre os que sempre abundan os fodechinchos (eses seres
irrespectuosos coa terra foránea que pisan e cos habitantes dela, léase
Galicia, Irlanda, Grecia, ou calquera parte do mundo). Os fodechinchos
dedicáronse a introducir moedas entre as fisuras de cada columna basáltica,
logrando (que guai) multiplicar a erosión e a destrución de moitas delas, algo que os arqueólogos e
xeólogos tentan restaurar. Noutras paisaxes fan pintadas, deixan candeados, rouban
pedras... fodechinchos! Ollo, chega o verán.
Comentarios
Publicar un comentario