![]() |
| Conversando con Isabel Allende, con José Creuheras como testemuña. Barcelona, 16/10/2026 |
A boa noticia de Isabel Allende gañando a 75
edición do Premio Planeta de Novela foi celebrada por moitísimos lectores da
súa obra e pola gran maioría da crítica. Había certo andar en falas de que podería
ser a gañadora desta edición, tamén saíra o seu nome na edición anterior, na do
ano 2025, pero cando cobrou forza durante o día 15 de outubro, antes da gala de
entrega do premio, os que non estabamos convencidos do regreso á calidade
literaria do premio, tivemos que recoñecer que Planeta fixo o esforzo millonario necesario para dar lustre á 75
edición do premio e, de paso, recobrar o prestixio perdido nos derradeiros
anos.
“La hora antes del alba” é o título da obra
coa que Isabel Allende gañou esta edición do Planeta. Boa parte da prensa e a
editorial non se cansan en vendela como a continuación de “La casa de los
espíritus”, algo que ela mesma desmentiu na rolda de prensa inmediatamente
posterior á entrega do premio, e tamén na celebrada ás once da mañá do día
seguinte. Si que é un episodio posterior e, polo tanto, moi atractivo para os
lectores de “La casa de los espíritus” ou de “Eva luna”.
Con oitenta e catro anos de idade, Isabel Allende afirmou que nunca se postulara a ningún
premio por medo a non gañalo, pero que nesta ocasión, presentándose con pseudónimo,
non tivo incumbinte en facelo, e gañalo significou para ela un recoñecemento
internacional como o de gañar o Nobel. Iso dixo.
En todo momento, a escritora chilena residente
en California, alertou dos tempos convulsos que vivimos e dos perigos do
fascismo que anda axexando por todas partes. Algo no que tamén insistiu o
finalista, Sergio Hernández, quen coa súa obra “La añoranza” lembra os momentos
do exilio de Antonio Machado.
Isabel Allende foi incriblemente agradable e
cariñosa con todo o mundo durante a súa estadía en Barcelona, incluso fixo chanza
de que quizais aínda se casara por cuarta vez, estando o seu terceiro marido
diante.
Por fin, as novelas gañadora e finalista do 75
Premio Planeta xeran interese e crean grandes expectativas entre os lectores.

Comentarios
Publicar un comentario