Froitos silvestres para un outono treboento

 

Avoa e neto Nuu-chah-nuult en Nutka ---------Navegando cara Nutka no MV Uchuck III

Cando ameaza tormenta, cando sabemos a ciencia certa que nas vindeiras semanas sufriremos, os demócratas, os tronos de Brest (parafraseando o capitán Haddock) con tanto ruído, tanto insulto persoal, tanta violencia verbal e da outra, alimentada por unha manchea de políticos, normalmente de dereitas, promovendo odio, de cara a lograr os obxectivos máximos nas eleccións xerais do 29 de novembro, so me queda unha alternativa que comparto aquí: como os feitos son amores, nada do que se diga e se cuspa dende a centrifugadora mediática madrileña vaime afectar, non penso seguir a campaña, vou desconectar informativamente do que cheire a política, para, chegado o día, votar seguindo o meu criterio, sen ruido, baseándome no que eu penso e no que nestes anos fixeron uns e outros (en Galiza é máis doado). 

Quizais por iso, pola desconexión mediática madrileña, estes días lembrei algo tan simple, tan humano, tan pacífico, tan de aprendizaxe, como a colleita de froitos silvestres. A imaxe que teño na cabeza é a dunha avoa co seu neto recollendo arandos, amoras e érbedos, quizais tamén uvas de Oregón. Esa escena gravada na miña memoria vina nunha pequena illa bañada polo océano Pacífico chamada Nutka, illa que está a  tiro de pedra doutra moito máis grande chamada illa de Vancouver, que pertence ao Canadá. Tanto a avoa como o seu neto son do pobo Nuu-chah-nulth, unha das chamadas Primeiras Nacións da costa noroeste americana. Eses froitos apáñanse alí nos meses de agosto, setembro e primeiros de outubro, dependendo da chegada do frío, e con eles fan marmelos ou unha especie de pasta de froita esmagada que poñen secar ao sol, como facemos aquí coas uvas pasas que non machucamos, para comelas durante o inverno como alimento doce, nutritivo e enerxético, fundamental para vivir naquel clima no que a choiva aparece case que a diario en inverno, incluso a neve.

Esa estampa tan pacífica, tamén polo océano que baña esa costa, lémbrame tamén que a avoa vai quedar soa cando comece o colexio dos netos, e vai vivir un inverno no que so terá pouco máis dunha ducia de veciños nese curruncho da illa de Nutka chamado Yuquot, único núcleo de poboación da illa. Estiven alí haberá uns vinte anos, primeiro sobrevoando aquela costa e, despois, chegando por mar a aquela illa nun barco histórico que segue a facer o mesmo percorrido hoxe en día un par de veces á semana, barco que se chama MV Uchuck III que chega a Nutka partindo do porto de Gold River na illa de Vancouver.

Porén, eu xa viaxara a Nutka moitos anos antes, a través dos libros, ou que? Fora cando seguira os pasos dos mariños galegos ao servizo da Coroa española que a finais do séc. XVIII foran dos primeiros occidentais en navegar por aqueles mares. Grazas aos debuxos e mapas feitos por eles, e polos artistas que levaban nos seus barcos, verdadeiras fotografías, memoricei aqueles lugares como se foran captados polos cámaras dos documentais da National Geographic. De feito, antes de que nos avisaran de que estabamos chegando a Nutka, identifiquei a baía grazas  a aqueles debuxos.

A estampa que acabo de narrar inclúe tradición, transmisión de coñecementos, supervivencia dunha cultura, resiliencia para defender unha identidade e, máis alá diso, resistencia e firmeza ante o gran monstro que teñen por veciño, os Estados Unidos de Donald Trump, co que comparten case nove mil quilómetros de fronteira. Unha fronteira que é visible dende o aire porque cada país debe talar as árbores do seu lado para que a liña fronteiriza se poida ver dende o aire.  O que non impide que o seu Primeiro Ministro canadiano, Marc Carney, e os seus cidadáns se manteñan erguidos ante as ameazas. Un exemplo que so é comparable ao de España, para non ser colaborador de xenocidas nin ir a guerras inventadas como antes fixeron outros, que hoxe son os que máis ladran.


Comentarios