Produto nacional... nada bruto

 

Marisco e viño galegos

Por fortuna, cada vez estamos máis no mapa mundial polas cousas boas que temos na nosa terra. E non falo do típico charlatán con máis labia que educación que cando lle falan, por poñer un exemplo, da catedral de Sevilla  responde que a nosa é máis bonita, xa sexa a de Ourense, a de Tui, a de Lugo ou a de Santiago de Compostela. Cada catedral ten o seu e non se comparan. Lembro, cando nunha ocasión, sendo entrevistado nun ha emisora de radio, mencionei incrible cantidade de turistas que visitaban cada día, de xuño ata rematar setembro, Mont-Saint-Michel, un lugar que recibía preto de vinte mil visitantes diarios cando Santiago  recibía doce mil, e fun interrompido polo entrevistador que se apresurou en lembrarme que non habería tantos como na praza do Obradoiro. As veces inda cremos que somos o máximo en todo, somos como os que non ven as cousas por non querer mirar.

Mais o tema de hoxe ten mais que ver co que si que de verdade fai líder a Galicia, o que si ten calidade, o que demostra que hai cousas que si que se están a facer ben. Moitas destas cousas teñen relación co terreo, coa climatoloxía, co litoral, co traballo dunha manchea de persoas, homes e mulleres, empeñados en sacarlle o mellor partido ao que temos diante de nós, ao que eles teñen entre mans.

Resulta gratificante viaxar por Europa e comprobar como nas cartas de magníficos restaurantes, un dos seus reclamos destacados para que entren os comensais sexa a carne galega, a costeleta de vaca galega. Non é de estrañar que veñan a Galicia cociñeiros de renome mundial, con tantas estrelas Michelin no lombo que precisan pagar equipaxe extra, e que digan cando marchan cousas como que a carne de vaca galega é a mellor do mundo; así o afirmou recentemente, con contundencia, o afamado cociñeiro  escocés Gordon Ramsay, chegou a ter dezasete estrelas sumando varios dos seus restaurantes. Nós, aquí, como estamos rodeados de boa carne, desprezamos un pouco o noso, imos máis pola Wagyu A5 xaponesa ou pola costeleta de Aberdeen Angus, boas carnes as dúas, ningún pero; mais para os entendidos, a carne das vacas galegas é a mellor do mundo.  Non se trata de ser máis, trátase de poñer entre o mellor do mundo un produto noso; é como o da catedral, cada unha ten o seu.

Falando de mar, como o marisco galego non hai outro no mundo! Iso teño sentido en moitas ocasións. Certamente, o marisco galego, o capturado ou o criado nas nosas costas, na plataforma continental galega, é dos mellores do mundo. En certa ocasión, nun restaurante de Vigo miráronme mal porque en pleno mes de xullo preferín pedir un boi da costa francesa antes ca unha centola galega. Poucos días antes, nunha praia da ría de Arousa fora quen de coller unha centola de gran tamaño coa man; a primeira sorpresa  foi poder facelo, e segundo, foi comprobar que a cuncha estaba branda, o seu exoesqueleto semellaba de plástico, estaba realizando a muda, co que o seu corpo estaba reducido, sen carne. Porén, os bois de Francia, ao ter as augas más frías, aguantaban mellor e no verán aínda están cheos. Os bois de Francia encántanme, sobre todo os capturados no Canal da Mancha; iso non fai deles algo mellor que as nosas centolas ou os nosos bois, máis pequenos e menos abundantes que alá. As nosas centolas son incriblemente saborosas, como tamén o son os cangrexos reais de Alasca. As nosas ostras son das mellores do mundo, aínda que haxa outras zonas onde tamén se dan e son deliciosas,non catei as da costa de Massachusetts, pero sei e probei as de San Francisco e Vancouver, en California e na Columbia Británica, sei das de Arcachón e as de Cancale en Francia, sei das de Tasmania en Australia, gustáronme bastante menos. En fin, as nosas son das mellores do mundo. Por non falar desa exquisitez, dese manxar incomparable: os percebes.

Pois si, os mellores cociñeiros colocan os nosos produtos como os mellores do mundo. Como tamén insisten moitos deles en valorar os nosos viños como un tesouro oculto, a piques de ser descuberto. Pero ollo, que se empece a valorar un godello galego a nivel mundial non debería facer que os colleiteiros morreran de éxito producindo máis cantidades das que realmente producen as súas viñas.

Saúde, sentidiño, valoremos o noso como merece, gocemos da nosa gastronomía e dos nosos viños.


Comentarios