A viaxe extraordinaria a Compostela, con cambio de hora.

 

Vista das torres da Catedral de Santiago dende os tellados

Antes de viaxar a Santiago de Compostela, será mellor ir pensando no cambio de hora que vai ter lugar a madrugada do sábado 24 de outubro ao domingo 25 deste ano 2026. Xa sei que nos medios de comunicación levamos varias décadas falando da inutilidade do cambio de hora, algo que so provoca trastornos nos cidadáns e ningunha vantaxe evidente, nin social nin económica. No ano 2019, xusto antes da pandemia que semella ter sucedido hai centos de anos, o Parlamento Europeo decidiu apoiar a eliminación do cambio de hora bianual tras realizar unha consulta pública en todos os países membros. Mais, outra vez os políticos, os representantes de cada país non foron quen de poñerse de acordo en cal dos horarios se debería implantar, o de verán ou o de inverno. E con esa leria estamos, coa da incapacidade dos representantes dos países para poñerse de acordo; mentres tanto, todos sufrindo este acoso na primavera e no outono.

Avisados do cambio de hora, visitamos Compostela, a súa catedral, o punto de interese más importante de Galicia se atendemos aos visitantes que ten. Na catedral de Santiago de Compostela entran ao ano preto de dous millóns e medio de visitantes, o que supón unha media de sete mil persoas diarias (no verán son uns doce mil e no inverno arredor de cinco mil), co que duplica calquera outro punto de interese galego como a Praia das Catedrais, as Illas Cíes ou a Muralla de Lugo. Isto son datos, so son datos que non menoscaban a importancia dos demais puntos de interese galego. Mais os datos implican ser previsor para organizar a visita ao templo catedralicio, a visita ao museo da catedral, aos tellados, co fin de facer a menor cola posible, perdendo un tempo que poderíamos empregar en ver outras marabillas da cidade do Apóstolo. Tamén hai que ter en conta os horarios de restaurantes e tabernas nas que a masiva presencia de anglosaxóns, franceses e alemáns, a parte de orientais, modificaron as horas de xantar e de cear co que, ás doce do medio día ou ás cinco da tarde xa hai moitas mesas ocupadas para unha cousa ou para a outra. Convén lembrar aquí que a restauración estase a recuperar cunha manchea de restaurantes que, tendo turistas entre os seus clientes, ofrecen calidade nas súas cartas nas que impera o produto galego. Tamén os hai nos que a clientela é máis local, e aí rozan os niveis doutras épocas, nas que primaba o produto elaborado de forma simple pero en pratos abondosos. Hai moito que ver en Compostela, e o outono segue a ser unha boa época para visitala, porque ademais do imprescindible, catedral, rúas da zona monumental, varias igrexas que son verdadeiras xoias... as actividades máis lúdicas convidan por si mesmas a visitar a capital de Galicia, falo de concertos en varias salas habilitadas e do cine no festival Cineuropa.

Por outra banda, convidaría aos visitantes a que pensaran en libros sobre Santiago, non guías, senón novelas ou pequenos ensaios. Penso en Valle Inclán, en Torrente Ballester, o propio Paulo Coehlo... O turismo literario estase a converter nun atractivo mais que está a mover xente polo mundo.


Comentarios