Viaxes extraordinarias: a orixe

 

En Nantes, xunto a estatua do capitán Nemo, á beira do museo Jules Verne.

Poderíamos afirmar que as viaxes extraordinarias comezaron no ano 1862 cando un incipiente escritor, aínda sen éxitos editoriais, chamado Jules Verne, coñecía ao político, editor e tamén escritor Pierre-Jules Hetzel con quen asinaría o seu primeiro contrato. Hetzel, dende entón, converteuse nunha especie de axente e asesor literario e, por suposto, editor do escritor nantés. Verne pasaba a formar parte un elenco de escritores de tanto prestixio como Alexandre Dumas, Balzac, Víctor Hugo, George Sand ou Émile Zola, todos eles coa súa obra publicada por Hetzel.  

O famoso editor foi quen de iniciar, so coa obra de Verne, unha colección que bautizou co nome de Viaxes Extraordianarias, colección que consta de sesenta e dúas novelas entre as que destacan obras tan marabillosas como Cinco semanas en globo, Viaxe ao centro da terra, Da terra á lúa, Os fillos do capitán Grant, 20.000 leguas de viaxe baixo dos mares, A volta ao mundo en oitenta días, A illa misteriosa, Miguel Strogoff ou Un capitán de quince anos. Case nada. Obras todas elas que forman parte do imaxinario xuvenil de moitas xeracións de mozas e mozos dende a súa publicación, entre 1863 e 1905, ata hoxe en día.

Jules Verne naceu na cidade de Nantes, capital histórica de Bretaña e na actualidade da rexión de Loire Atlantique, no ano 1828. Dende sempre se dixo del que a súa imaxinación desbordante fora suficiente como para escribir tantas aventuras en tantos lugares do mundo sen se mover da súa casa; hoxe chamaríamos a esa información unha fake news, unha noticia falsa, unha mentira. Verne, como bo nantés, era un magnífico mariño e patroneou o seu barco, tivo tres, en viaxes polo norte de Europa, polas costas españolas e galegas e polo mar Mediterráneo. Aínda así, iso non lle quita mérito á súa obra e ao seu maxín.

Eu, como lector desde neno das obras de Jules Verne, son un apaixonado viaxeiro, un emocionado vividor das viaxes que intento converter sempre en viaxes extraordinarias; viaxes nas que inclúo aquelas nas que collo calquera medio de transporte para cambiar de continente ou o coche para os desprazamentos menos distantes, ou simplemente un libro que me leve a outros mundos, grazas á pericia de escritores e escritoras, clásicos e contemporáneos.

Antes das vacacións estivais, comentei aquí unha viaxe extraordinaria, realizada a finais do séc. XVIII por unha muller, Isabella Bishop, quen a realizou e plasmou nun libro titulado Viaxe ao pequeno Tibet, este verán de actualidade pola desgraza da gran riada que provocou a morte de máis dun milleiro de persoas e a desaparición de varios milleiros, entre habitantes e turistas. Isabella escribiu o seu libro mentres viaxaba polo Tibet na mesma época na que Verne escribía as súas grandes aventuras na súa casa de Nantes. Para min, a viaxe de Isabella Bishop foi unha aventura persoal  polo Tibet.

Mais as viaxes extraordinarias, as que se fan dende o sofá da casa cun libro nas mans, non son so as dos libros de viaxes feitos por outros, que tamén, o son asemade as novelas dos grandes creadores, son os textos de historia e de filosofía, son as novelas gráficas...

Uns e outros libros, sumados ás experiencias persoais nos lugares do mundo que si visitamos, enriquecen a vida das persoas e axudan a comprender mellor aos demais, a respectar o diferente, a ver con distancia e con pena aos vociferantes ignorantes que van como carneiros detrás dos que empregan a mentira como dogma. Pero,  e sobre todo, máis alá diso, esas experiencias viaxeiras, esas viaxes extraordinarias, conseguen que os que participamos delas sexamos máis felices.


Comentarios