.jpeg)
Zona cero, New York, un mes despois do 11 de setembro de 2001
Onde estabas ti hai 25 anos? Aquel 11 de setembro de 2001 eu entraba na
cafetería de TVG para xantar, pouco antes das tres da tarde. Uns compañeiros
miraban o accidente dun avión estrelado contra unha das torres xemelgas de Nova York. Iso
non pode ser un accidente –dixemos algúns, sendo discutidos polos demais. En
nada, outro avión impactaba contra a outra torre. Atentado terrorista en
territorio estadounidense. O primeiro que fixen foi chamar a amigos e familiares
neoiorquinos que a esas horas da mañá estaban aínda na cama ou espertando e non
sabían nada do que pasaba. Oh, my God!
Apenas un mes máis tarde, atopábame na zona
cero facendo unha reportaxe para a TVG entrevistando a un galego, vicepresidente
daquela dun gran banco internacional. Cheiraba a fume e a cinza resesa; a
contorna era gris por esa cinza acumulada en tellados e peitorís das fiestras
dos rañaceos que me rodeaban, grandes edificios noutrora ninguneados polas
mastodónticas Torres Xemelgas. Ese día
de novembro era particularmente frío, tanto que nin as bágoas contidas polas
ringleiras de policías e bombeiros chegados de distintos puntos dos EEUU en
peregrinaxe, a render homenaxe aos compañeiros mortos, aportaban calor. Impoñía
ver como aqueles homes e mulleres, que definiríamos como auténticos armarios
pola súa complexión, non podían conter as bagoas que escorregaban polas súa
meixelas como se de afluentes do río Hudson se tratara. Mentres, outros compañeiros
bombeiros seguían coas mangueiras arrefriando os rescaldos que aínda quedaban do
atentado que tivera lugar mes e medio antes.
O mundo cambiou e pasaron moitas cousas,
moitas delas no que eu defino evolución negativa. Estados Unidos de América
embarcouse en máis guerras alegando desculpas peregrinas (lembremos o trío das
Azores: Bush, Blair e Aznar), mais tarde o presidente benquerido polo mundo,
Barack Obama, dirixía un asasinato en directo, o de Osama Bin Laden, como digo,
asasinado sen xuízo previo por unha suposta democracia que xa estaba quedando
co cu ao aire, tal como demostrou e demostra o seu actual presidente, Donald
Trump, cando se quedou sen papel hixiénico para limparse.
Aquel atentado terrorista, innecesario como
todos os atentados terroristas que so provocan dor, foi o comezo da expansión
do terrorismo mundial, terrorismo de Estado, so hai que mirar para África, Oriente
Medio, cun país xenocida como Israel facendo unha limpeza étnica (aplaudido polo
máis parvo do trío lalala, o salvapatrias que segue dicindo que a culpa de todo
é de ETA), digo, aquel atentado terrorista foi o comezo da deriva neofascista e racista que agromou no mundo e
que ten cada vez máis forza. Os primeiros culpables foron os asasinos de Al
qaeda, e a partir de aí fóronse sumando Estados e estadistas sen escrúpulos,
supostos defensores da Democracia con métodos altamente antidemocráticos. As
vítimas somos todos.
Deus nos libre... dos que falan no se nome!
Comentarios
Publicar un comentario