Auga e lume

 

Solpor na Praia das dunas de Cap Ferret, Francia 

Ilustro esta entrada cunha foto nunha fermosa praia nun ecosistema de dunas na contorna de Cap Ferret, preto de Bórdeos, foto feita o verán de 2025; este ano o lume arrasou os bosques e moitas das casas desa zona, a foto sería imposible.

Auga e lume son dous dos principais elementos da natureza clásica, aos que habería que sumar o aire e a terra. Para os antigos, a terra representaba a materia viva, as sales, os minerais e o propio ser humano, o centro do universo que diría Aristóteles. O aire, o vento é o alento, o movemento. A auga representaba a vida, a fluidez, a emoción. O lume, o calor, a enerxía.

Non somos conscientes da importancia da auga porque somos galegos e vivimos en Galiza. Iso mesmo fainos ver o problema das secas como algo afastado ou, en todo caso, puntual. En Galiza chove, afortunadamente, por iso é verde, por iso as hortas teñen froito; mais o noso territorio non retén a auga, fíltrase e vai ao subsolo. Por iso, se houbera seca prolongada teríamos restricións nas cidades e nas vilas e moitos problemas para agricultura onde non se puidera regar. E o clima está a cambiar. Si, o cambio climático está aquí.

Se a auga fora un ben inesgotable, por que cotiza en bolsa? Non o sabías? A auga cotiza en bolsa dende o ano 2020. E como o fai? Como dereitos de uso e explotación. De feito, canto tempo levamos pagando pola auga corrente das nosas vivendas? Cando o cambio climático non teña volta atrás e deixe de chover en Galiza pagaremos moito máis pola auga; e isto que digo non é ciencia ficción.

Deámoslle voltas á cabeza e pensemos en aforrar auga, en almacenar auga da chuvia para regar ou para facela potable. Non deixemos as billas abertas cando non usamos a auga. Agora quero falar do lume. Os lumes queimaron Galiza o verán pasado, o 2025, dun xeito indescritible. Os incendios, dende hai anos, forman parte da imaxe do estío galego. Este ano, arderon Madrid, Toledo, Estremadura, Andalucía e Cataluña, con lumes nunca vistos; como nunca visto foi o incendio que asolou a contorna marítima da cidade francesa de Bórdeos, con duascentas mil persoas evacuadas, tantas como na provincia de Madrid polo seu incendio. E non so iso, grandes incendios abrasaron longas extensións en moitos países de Europa.

Por que en lugares frescos como Galiza, Bretaña, Normandía e outras rexións de centro Europa acadaron este verán temperaturas superiores aos trinta e cinco graos centígrados durante varias vagas de calor, incluso corenta graos?

Nin nos estamos preparando, no caso de España con recortes autonómicos en prevención (total xa chamaremos ao goberno central para que envíe a UME) e no caso de Europa como bloque unitario por falta de políticas sobre o cambio climático e, polo tanto, sobre prevención, sobre o coidado da auga e do territorio, a terra.

Debemos dende onte, non deixándoo para mañá, como individuos ser previsores, e esixir os políticos medidas drásticas e inmediatas para evitar catástrofes maiores que as sufridas ata agora.

Comentarios