Verán de estrelas

 

A caída das temperaturas destes días de agosto pode levar a pensar que o verán xa está nas últimas, pero aínda falta un mes para cambiar de estación. Porén, invita a unha reflexión sobre este verán de 2026, un verán de estrelas, si, como un programa de televisión que presentei hai moitos anos repleto de rutilantes estrelas do firmamento musical, esas que xa non visitan os estudos de televisión.

Durante a primavera e a primeira metade do verán, a astronomía ocupou espazos nas páxinas dos xornais, nas revistas, nas emisoras de radio e nas televisións; astrofísicos/as tiveron unha oportunidade única de explicar e divulgar o que ía acontecer o 12 de agosto, case ao solpor, cando a Lúa se interpuxera entre o Sol e a Terra. O asunto converteuse nunha cuestión de Estado, en algo que atrapou a boa parte da poboación galega, española e mundial, que visitou España para poder gozar do eclipse. Un exemplo, Brian May, guitarrista de Queen e astrofísico, narrando a súa experiencia previa, durante e despois ó eclipse, acontecemento que seguiu dende algún punto da xeografía española.

Mentres unha importante parte da poboación mundial estaba atenta ás novidades do eclipse, moitos deles e outros tantos máis estaban atentos a outras estrelas que brillaban ou pretendían facelo sobre a herba dos estadios de fútbol de México, Estados Unidos e Canadá onde se celebrou a Copa do Mundo de Fútbol masculino, o feminino xa o gañara España. E certamente houbo estrelas. Houbo xogadores que brillaron con moito mérito como Haaland, Mbappé, Kane, Bellinghham ou incluso Messi, quen marcou oito goles a pesar da súa desprezable e antideportiva actitude en cada partido, actitude pola que vai ser lembrado eternamente sen desmerecer as súas calidades técnicas como xogador. Houbo tamén seleccións que deixaron pegada e agradables sensacións como Cabo Verde, Marrocos, Inglaterra ou Exipto, vítima do latrocinio da FIFA. Porén, os observadores das estrelas, que si que as houbo, o que descubriron foi unha galaxia enteira chea de astros que non brillaban, ou non tanto, senón estaban xuntos un a carón dos outros. Esa galaxia de estrelas foi a que triunfou levantando a Copa do Mundo, imprimindo unha segunda estrela sobre o seu escudo,
facendo sorrir a millóns de persoas dos cinco continentes
, excepto a un curruncho do cono sur americano no que a forza é o que importa para defender que o ceo é unha sucursal deles, que deus  ten a súa nacionalidade e que o sol brilla porque eles queren; actitudes que teñen cura pero cun reseteo completo. Malia ese pequeno buraco negro, o verán foi indo, e vai, aportando esperanza de cara o futuro inmediato, reportando alegrías a moita xente que miramos como o Sol aparece cada mañá mentres a razón, a solidariedade, a unión e a alegría van derrotando os tramposos, os ladróns, os mentireiros, os malpocados, os provocadores e aos aliados dos xenocidas e fanáticos do efecto laranxa.


Comentarios