Regreso a Bretaña (e Normandía)

Aliñamentos de menhires de Lagatjar, Camaret-sur-mer, Bretaña

Hai xa unha ducia de anos que publiquei en Xerais o libro de viaxes «Novos pasos por Bretaña», un periplo no que seguía as pegadas que fixeran antes, no séc. XX Castelao e Cunqueiro. Na miña primeira viaxe fixen amigos deses que duran para sempre, nas seguintes visitas a Bretaña seguín facendo amigos e coñecendo mellor a súa historia, a súa cultura e a súa idiosincrasia. Por iso, cando non teño unha escapada clara, elixo Bretaña e a veciña Normandía, ambas as dúas configuraron a antiga Armórica, para seguir atopando vínculos entre eles e nós, ao socairo dese atlantismo que tanto nos une cando os meseteiros falan de nós como países illados.

No libro, falei de elementos identitarios culturais e económicos como son o mar, as cruces de pedra que debuxou Castelao,  os menhires e dolmens e o Ciclo Bretón relacionado con Merlín e Morgana, ese que forma parte do mundo de Cunqueiro.

Por iso,  hoxe que despedimos a sección ata a vindeira temporada, decidín repasar o meu libro «Novos pasos por Bretaña» para propor unha viaxe de elementos imprescindibles se viaxamos a esas terras nas que nos sentiremos como na casa. Por iso quero empezar polo mar. Tendo en conta que a altura máxima de Bretaña co nivel do mar so é de 385 metros, nos montes de Arrée, o que nos chamaríamos un outeiro, pensemos que o monte do Gozo xa ten 370 metros de altitude, por iso, podemos dicir que toda Bretaña recende a mar. O seu marisco é da mesma categoría que o galego e os peixes tamén. Da gusto ver entrar os barcos ás cinco da tarde no porto de Le Guilvinec ás carreiras, loitando por coller o mellor lugar do peirao para desembarcar e vender cos mellores prezos, ves atracar os barcos dende o miradoiro da lonxa derrapando, todo un espectáculo. Pero hoxe quero pararme en Roscoff, un porto pesqueiro cantado nos seus implacables e post-románticos poemas polo primeiro poeta maldito citado por Verlain, Tristan Corbiere. En Roscoff séntese a forza do Atlántico na súa entrada ao Canal da Mancha mentres se visita o porto ou se pasea polas rúas mirando as típicas edificacións de granito que manteñen a fisionomía ancestral, algo que en Galicia non soubemos respectar, co que as vilas mariñeiras da nosa terra son desfeitas urbanísticas de primeiro orde. 

Outro lugar a visitar é Saint Malo, case lindando con Normandía. Saint Maló é una das cidades turísticas máis importantes de Francia e ten unha historia relacionada co mar que tan ben retratou François-René de Chateaubriand nas súas «Memorias de ultratumba». De Saint-Malo era Jacques Cartier, descubridor de Canadá, e corsarios como Duguay-Trouin ou Robert Surcouf. De alí foron grandes comerciantes con América, importantes escravistas, e mariños relacionados nun estreito vínculo con Cádiz. Os malouinos, que así se chaman os seus veciños, deron nome ás illas Malvinas. Saint-Maló sufriu moito na II Guerra Mundial, de feito foi case destruída polos aliados que utilizaron por primeira vez napalm para botar os alemáns. Mais a cidade é como un curruncho de París, dese París bohemio e elegante.  

Como exemplo do megalitismo está Carnac, pero hai megalitos en forma de dolmenes, de menhires, de cairns ou túmulos, por toda a xeografía bretoa, máis a visita os aliñamentos de Carnac impresiona, como tamén o fai a Table des Marchand en Locmariaquer, un dolmen cunha mesa de seis metros de diámetro e dunhas sesenta e cinco toneladas de peso.

Les Enclós Paroissials son espectaculares. Un que destaca é o de Guimiliau. O adro acolle a propia igrexa, cun pórtico no que destaca a figura do apóstolo Santiago, varias edificacións entre as que se encontra o osario, e o impresionante calvario que debuxou Castelao. Que é un calvario bretón?  Un monumento que remata no alto nun cruceiro pero que ten esculturas e baixo relevos no que se explica a vida e a paixón de Cristo e ás veces se representa tamén a boca do inferno. Impresionante.

Para non esquecer a Cunqueiro, debemos visitar, no interior de Bretaña, a localidade de Pontivy, lugar por onde se moven o sochantre da súa abadía na marabillosa obra do escritor mindoniense «As crónicas do sochantre», alí destaca o ría Blavet que menciona Cunqueiro e tamén o castelo dos Rohán, señores da contorna, nunha vila que paga a pena visitar por ten unha zona histórica perfectamente conservada.

Deixo para o final a pequena escapada de Bretaña a Normandía para visitar a icónica illa de Mont-Saint-Michel. Se se miran as fotos en internet dese lugar tan idílico, cheo de historia, culminado na parte máis alta da rocha que é toda a illa coa magnífica e impresionante construción da abadía, un queda prendido do lugar. O meu consello é pasar o dia enteiro en Mont-Saint-Michel e así pasar dúas ou tres horas na abadía, percorrer as murallas, pasmar, xantar e beber sidra do país. 

Comentarios