Vai de viños

 

Nunha viñoteca en Saint-Émilion, Francia

As vagas de calor, cada vez máis intensas e máis sufocantes, que cada vez provocan máis mortes, teñen consecuencias. As autoridades francesas prohiben o consumo de bebidas alcohólicas en lugares públicos e grandes eventos, de forma  transitoria en cidades e rexións afectadas polas vagas de calor. O motivo, moitos dos ingresados nas urxencias francesas tiñan elevados niveles de alcohol en sangue e o número de falecidos é moi elevado.

Pero hoxe quero falar de viño, dos nosos en xeral e dos franceses en particular. E especialmente dos viños franceses da denominación de orixe Bordeos.  Alí destacan particularmente os da zona de Médoc, Margaux e Saint-Émilion, esta subzona en pleno Camiño de Santiago, que discorre pola rúa principal desta vila medieval. Un amigo escritor e xornalista define Saint Emilión como o Vaticano do viño. Xurxo, que así se chama, mercou alí unha botella de Château Lafitte, non propia de Saint Émilion senón do Médoc, por varios centos de euros. 

Para os grandes entendidos, estamos a falar dalgúns dos mellores viños do mundo, criados arredor da cidade bordelesa, a dos xirondinos. É un pracer degustar eses viños, como tamén o é apreciar na súa medida os nosos, que para iso temos cinco denominacións de orixe, a saber: Ribeiro, Rias Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Mais, como chegaron os viños a Galiza? Doado. Os primeiros en traer viños e empezar a cultivalos e crialos foron os romanos. Hai datados lagares rupestres, os que foran escavados na rocha nos outeiros nos que daquela se plantaban as viñas, viñedos en altura tan de moda agora polo cambio climático, datados, dicía, no século III a. C. De feito, no concello ourensá de Oímbra un incendio de hai anos «descubriu» unha manchea de lagares rupestres que rapidamente foron protexidos, marcados e sinalizados como patrimonio por parte das autoridades locais e incluídos na ruta dos lagares rupestres que tanto éxito ten.

Foi na Idade Media cando o Camiño de Santiago, e con el, a chegada de monxes de distintas ordes, beneditinos e do cister, procedentes sobre todo de Francia, os que introduciron novas variedades traídas das súas terras e novidades nas formas de cultivo das vides e da produción do viño, os socalcos e a viticultura heroica da Ribeira Sacra foron cousa deles, feito que resultou tan bo que axiña se exportaba a Europa e Inglaterra e, séculos mais tarde, ao novo continente, América.

Gozo, sempre en boa compañía, cos bos brancos de Bordeos, o mencionado Château Lafitte, o Sauternes, ou Châteu d’Yquem e Gran Village Blanc. Viños extraordinarios. Porén, como dicía antes, falando de brancos, aproveitemos os ribeiros brancos, cada vez mellores, os magníficos godellos da Ribeira Sacra, pero sobre todo de Valdeorras e Monterrei e, porque non, algún albariño dos que non morreron de éxito.

O viño, bebido co xeito que merece, é cultura. Fala da terra, fala da xente que o fai, fala de historia, en Galiza relacionada con dous momentos importantísimos como a presenza romana e o Camiño de Santiago, fala de turismo de calidade, do que visita lugares tamén polo prestixio dos seus viños. Teño estado en adegas galegas das cinco denominacións e bebido viños de todas elas; teño, polo tanto, viaxado polas comarcas implicadas... como tamén teño gozado da cidade de Bordeos, de Saint Émilion e de toda a zona vitivinícola xirondina.  Afortunadamente, sempre moi ben acompañado por xente que gozaba coma min.


Comentarios