O faro

 

Faro de Punta Nariga, Costa da Morte

A atracción do límite foi sempre unha constante para o ser humano, para homes e mulleres inquedos que se aventuraban máis alá, inconformistas co que vían dende a súa situación, na procura de novos horizontes. O faro está no límite, o faro atrae, ten unha luz que nos guía e que nos aparta dos perigos, ten unha posición, visto dende terra, no que convida a aventura do que hai máis alá do mar, nas innumerables rutas debulladas sobre as augas, tantas como as que marca a Rosa do Ventos.

A busca de novos límites, a saía do lugar de confort, implica valor, aventura e procura do coñecemento. Os mellor preparados para enfrontárense ao descoñecido serán os que teñan máis éxito.

Por iso propoño hoxe visitar os espectaculares  lugares onde se atopan os faros galegos máis representativos: Fisterra, Touriñán, Punta da Barca, Cabo Vilán, Punta Laxe, Roncudo, Punta Nariga  ou o das illas Sisargas, todos eles na Costa da Morte, sen esquecer a Torre de Hércules na Coruña, nin o da Illa Pancha, Ortegal ou Cabo Home ou mesmo o de Corrubedo. Hai mais pero quero falar de evolución.

Os taboleiros de arxila de hai 4500 anos empregados por sumerios e babilonios mostran problemas de cálculos, igual que os papiros dos exipcios nos que atopan solucións para construír as pirámides. Había daquela xente que pensaba e aprendera a calcular, eran os albores das matemáticas... dous mil anos mais tarde, é dicir entre 600 e 500 anos antes de Cristo, chegarían os primeiros teóricos das matemáticas, Tales de Mileto, Pitágoras e Euclides. Eles, matemáticos, eran pensadores, hoxe estúdanse nos tratados de filosofía clásica porque cos seu cálculos aplicados á vida cotiá, buscaban a mellora e a evolución do ser humano.

Esa evolución so supuxo mellores e avances que significaron melloras en todos os campos da ciencia, do saber, do pensamento, loxicamente tamén das artes. A curva da evolución do ser humano non deixou de medrar dende a prehistoria ata hoxe.

Que pasa hoxe co estudo da filosofía, que depende de avatares políticos? Que pasa co coñecemento das matemáticas en primaria e secundaria? Para que hai que esforzarse en saber matemáticas se todo iso xa se pode resolver cun teléfono conectado a Internet ou a Intelixencia Artificial? Para que vou necesitar estudiar nada se as respostas están na rede de redes, na IA? A vida é xenial!!! Xa non hai que esforzarse por estudiar nada! Chegou o tempo de ser so consumidores botando horas e horas diante das pantallas de móbiles e ordenadores tragando todo que nos ofrecen facéndonos crer que necesitamos ese produto que consumimos, xogos en liña, series, fútbol e mais fútbol, contidos de redes sociais... Chegou o momento do relax do ser humano, calquera cousa vale como escusa para mobilizarnos como ovellas e consumir. Ata un fenómeno astronómico como o eclipse que terá lugar en agosto está movendo millóns de euros  porque alguén potenciou a idea de que era imprescindible desprazarse ata os lugares onde se pode ver ese «momento» astronómico facendo viaxes, alugando casas, hoteis, paquetes turísticos con guía experto... Todo por un novo selfie co eclipse detrás, fotografía que esqueceremos pasadas 24 horas, como as «historias» das redes sociais.

Chegou o momento de iniciar a costa abaixo da curva da evolución, a que nos levará, a quen o viva (pero isto corre que da gusto) cara a destrución da civilización, do ser humano como ser superior da pirámide dos seres vivos do planeta.

Non estudiemos matemáticas, nin  filosofía, nin historia, nin ciencias... apoiemos a grupos e políticos  prometen ignorancia sen sentirse estigmatizados, que cando chegue outro colapso que nos deixe sen electricidade xa vexo á xente pedaleando para xerar enerxía nun mundo de burros, de ignorantes. Non quedará ningún faro que nos ilumine o camiño, que nos guíe. Camiñaremos como zombis, non necesariamente roñóns como nas series e no cine, non, simplemente co cerebro fundido, incapaz de resolver nada.


Comentarios