Cruceiros con (e sen) historia

 

En Alasca, por segunda vez, no ano 2003

Hoxe vai de cruceiros, mais non dos tradicionais cruceiros galegos espallados pola nosa xeografía, nin sequera dos grandes e pequenos cruceiros visibles por case todo o Finistère bretón, estes e os anteriores tan ben debuxados por Castelao e publicados nos fermosos libros «As cruces de pedra na Bretaña» e «As cruces de pedra na Galiza». Vai de cruceiros sen sentido e/ou con historia.

E quero empezar falando do sentido orixinario dos cruceiros galegos, das cruces que aparecen nas encrucilladas de camiños e nos lindes das parroquias e das aldeas. Erguéronse como elemento de protección aos que circulaban polos camiños vellos, sobre todo cando chegaban ás encrucilladas e moito máis se eran trivios ou encrucilladas de tres camiños, lugares nos que se chamaba polo demo e se comerciaba con el, lugares ocupados xeralmente por xente ruín... así o recolle Castelao no seu libro, así o confirmaron etnógrafos, antropólogos e divulgadores da tradición galega. Polo tanto, un cruceiro so ten sentido no lugar axeitado, fora del, perde todo o seu significado. As encrucilladas son o seu lugar natural, e como dixen antes, os lindes das parroquias, como protección para os de dentro contra a xente ruín. Non teñen ningún sentido os cruceiros nos xardíns das casas modernas nin en calquera outro lugar.

Isto lévame a falar sobre o sen sentido dos cruceiros que foron poboando os camiños de Santiago, enviados dende Galicia a outras comunidades como elemento decorativo representativo da identidade galega, elemento que non significa nada fora do seu lugar nin é entendido como tal. Teño sentido a xente dicir que son reproducións da enorme e sanguenta cruz do val de Cuelgamuros que os franquistas chamaban Valle de los Caídos. Para que vexan o anacrónico que pode resultar un elemento fora de lugar.

Outro cruceiro anacrónico, entendido como agasallo do Goberno galego presidido por Fraga ao pobo cubano, é o enviado e instalado nunha praza de La Habana no que propios e estraños se preguntan que é aquilo, que fai alí aquela cruz  nunha pequena praza  da Habana Vella, cruceiro no que se adiviñan os rostros de varios conselleiros, algún deles con anteollos.

Hai cruceiros noutros lugares do mundo, erguidos baixo o patrocinio e a financiación dos emigrantes galegos, en cidades como Bos Aires, Miami, Ushuaia, Mar del Plata, Caracas, etc.

Pero se hai un cruceiro sen sorte, marcado polo infortunio, como se o elemento protector fora enmeigado antes de ser situado no seu lugar de destino, ese é o que o xornal El Correo Gallego enviou a Alasca. A historia do cruceiro é dramática dende antes de nacer. Corría o 14 de marzo de 1980 cando chegaba a España  unha noticia conmovedora: acababa de morrer nun accidente de aviación o famoso naturalista e divulgador de Televisión Española Félix Rodríguez de la Fuente. O accidente tivera lugar nun punto nevado e despoboado do noroeste de Alasca  cando a avioneta pilotada por Warren Dodson na que viaxaba Félix en compañía dos operadores de cámara Teodoro Roa e Alberto Huéscar, estrelouse contra a neve nun día claro mentres seguían a carreira de zorras tiradas por cans máis famosa do mundo: a Iditarod, a carreira das mil millas, que parte cada inverno  de Anchorage e remata na cidade costeira de Nome.  Esta carreira homenaxea a histórica carreira do soro a Nome en 1925, na que vinte mushers, os guías da zorras, e cento cincuenta cans portaron as vacinas para salvar a xente de Nome afectada por unha epidemia de difteria.  

O caso foi que Félix Rodríguez de la Fuente morreu e, nun acto solidario pero inxenuo e descoñecedor das leis de Alasca, o xornal El Correo Gallego enviou un cruceiro feito polo escultor Eduardo Parrado para que fora instalado nun lugar público como homenaxe ao famoso naturalista, previa exposición do mesmo no centro da compostelá praza da Quintana durante o verán de aquel ano.

Durante a miña segunda viaxe a Anachorage, Alasca, tiven oportunidade de ver o cruceiro situado nun memorial no que, en baixo relevo, se contaba a vida de Félix e a súa morte na Iditarod, sendo un guía de cans que participaba na proba o primeiro en chegar ao lugar do accidente. Nesa visita coñecín os avatares da viaxe do cruceiro.

 O cruceiro pasou anos dentro do contedor no que viaxara, esquecido no porto comercial de Seatle. Cando a comunidade galega e española de Anchorage soubo do asunto, pagou, coa axuda das autoridades alascanas a viaxe do cruceiro de Seattle a Anchorage. Ao comprobar que era un símbolo relixioso, as autoridades municipais non permitiron a súa exposición en espazos públicos, así o determina a lei, co quedou depositado nos almacéns municipais ata que un alascano, amigo dos galegos e do Cónsul Xeral, cedeu un curruncho dunha gran propiedade para instalar o cruceiro e un memorial feito como complemento explicativo. A propiedade era privada, pero de uso público. Aí foi onde vin e fotografei o cruceiro (fotos que perdín nunha incidencia informática). O cruceiro estivo exposto en Tudor Center Drive, preto do campus da universidade de Alasca Pacific e do Native Medical Center, ata que varios anos despois, en 2014, a maquinaria de ampliación da estrada levou por diante o monumento. Os cachos do cruceiro permanecen dende aquela custodiados en dependencias municipais.


Comentarios