Arroz, un debate absurdo

Arroz nun almacén

  

O arroz forma parte da gastronomía galega a pesar de que non somos produtores dese cereal. A Galicia chegou moi tarde, canda menos setecentos anos despois da súa implantación na península Ibérica, traído polos musulmáns. Foron eles os culpables da súa introdución e do seu cultivo en zonas apropiadas da costa Mediterránea. Se pensamos en arroz vennos á cabeza Valencia e a Albufera, o brañal paradigmático da península; porén, a maior produción de arroz sae das marismas sevillanas do río Guadalquivir, que aporta o corenta por cento do arroz que se consume en España. O Delta do Ebro e as Veigas do Guadiana son outros lugares de produción importante.

E como chegou a Galicia o arroz? Como algúns outros produtos alimenticios, como a pataca, a través das elites, da burguesía, alá polos séculos XVII e XVIII. Mais é moi probable que se estendera como comida popular grazas os veciños do sur, os portugueses, que viviran moitos séculos baixo a influencia árabe, cando menos ata o río Douro. Dende alí chegou o arroz caldoso e as variantes do arroz marisco, que tanto nos gustan, de onde saen variantes galegas como o arroz con lumbrigante e con outros mariscos.

Onde está o debate? En se hai que lavar o arroz ou non. Mais é un debate que non debería existir. Lavamos a froita antes de comela, lavamos as lentellas de paso que están en remollo,  igual pasa cos garavanzos... co arroz pasa o mesmo. Hai que lavar o arroz por HIXIENE. E que non me falen da textura do amidón se vai con merda.  



Comentarios