Somos pataqueiros.

 



Ninguén pon en dúbida que os galegos somos pataqueiros. As patacas forman parte da nosa dieta, patacas nos cocidos, nos estufados de carne ou nas caldeiradas de pescado, ao forno ou fritidas,... as patacas forman parte de gastronomía galega como elemento fundamental. Foi sempre así? Moitos dirán que “de toda a vida”.  De feito, somos produtores de patacas en varias comarcas galegas, destacando Bergantiños, Vilagarcía e a Terra Chá, tendo algunhas delas unha calidade extraordinaria. Algunha non mencionada morreu de éxito. Pero, insisto, foi así sempre?

Mentres mondamos e picamos patacas para un cocido, deben cortarse parcialmente co coitelo e logo escacharse para que non se desfagan co fervor, por iso tamén hai que botalas en auga fría coa sal necesaria, doulle voltas á resposta. Houbo sempre patacas en Galicia? A resposta é non, non houbo sempre patacas en Galicia. Semella unha brincadeira dicir que as patacas empezaron a formar parte da gastronomía galega hai tan so uns 250 anos, cando estamos a falar dun produto fundamental. As patacas teñen a súa orixe no continente americano e foron traídas a Europa nas viaxes de retorno dos conquistadores e, sobre todo, dos monxes misioneiros franciscanos que marcharan con eles coa intención de salvar almas pagás dos desamparados “indios”, pero esa é outra historia, a das ganas e necesidade que tiñan os “indios” americanos de seren salvados.

Sábese que foron os franciscanos do convento de Herbón os que introduciron a pataca nas súas hortas no último cuarto do séc. XVI por orde do arcebispo compostelán Francisco Blanco. Estaredes pensando nos pementos de Herbón e/ou de Padrón, pois si, eses dous produtos da horta tan importantes da gastronomía galega proceden de América e entraron por Herbón. Pero non foi ata douscentos anos máis tarde que se estendeu por Galicia como elemento importante da gastronomía. Entón, que comían os galegos antes da chegada da pataca? Castañas, castañas dos nosos castiñeiros... De castañas falaremos no tempo de magostos, en nada.


Comentarios