O Museo de Louvre, a pesar da detención
non descansa tranquilo. Dous dos catro ladróns foron detidos peno non foron
recuperadas as xoias da coroa francesa (Vive la Republique!). Porén, a súa presidenta,
Laurence des Cars, pode estar agradecida aos directores de 57 grandes museos, entre os que se atopan os
da Tate Gallery, o Museo do Prado, o Rijksmuseum entre outros, que asinaron
unha carta de solidariedade co Louvre, sentíndose atacados todos eles.
Visto o visto, non foi un roubo de luva
branca, non o foi, foi un roubo chapuceiro de ladróns de pouca monta, con moito
valor e decisión que hai que recoñecer, pero ata aquí a querenza polo
delincuente, so faltaría; convén lembrar que non hai nada romántico nin heroico
na piratería nin en ningún tipo de roubos que atentan contra o patrimonio e
contra os dereitos dos autores.
Afortunadamente, a vergoña polo ridículo obrigou
as autoridades francesas a mobilizar a máis de cen detectives da gendarmerie
con resultados que poderíamos cualificar como de “progresan adecuadamente”.
Nada terían feito, dada a finura do roubo, sen a colaboración internacional que
mobilizou os mellores detectives dispoñibles: dende Galiza traballaron Ribeiro
e Riveiro, dende Francia e Bélxica Dupond e Dupont e dende España Hernández e
Fernández. Grazas a todos eles por facernos felices con todos os seus éxitos(?!).
Seguiremos informando, porque para Tintin
(ler Tantan) o caso non está pechado.

Comentarios
Publicar un comentario