![]() |
Nun concerto, con Eva Millán |
Sempre hai un momento no tempo de verán no
que berramos verán! Normalmente cadra co inicio das vacacións. As
circunstancias, alleas ao programa “Un café con Eva” de RadioVoz, fixeron que
as vacacións radiofónicas se adiantaran. O que realmente importa é o tempo que
se presenta por diante, no que as vellas paixóns van estar presentes:
quilómetros de aventura cun destino, ou con varios, pero non cunha meta, xa que
a meta é a propia viaxe. Moita e moi boa música acompañando, bos amigos en ruta
e horas de gozo nas que non van faltar as letras, as das lecturas e as que
escribiremos.
Dende xaneiro compartindo cos oíntes de
RadioVoz estas reflexións que publico na bitácora, e tamén en redes sociais, convidado
por Eva Millán, xenerosa sempre á hora de compartir comigo un café. Grazas Eva.
Summertime é unha canción con moitas
versións e moitas voces, pero para min acada un nivel superior, sublime,
infinito, cando a escoito na voz de Janis Joplin. Pero hai moitas outras que me
lembran o verán, moitas delas en castelán de cando era un neno, incluso en
galego cando o tren me levaba pola beira do Miño ou íamos camiño a San Antón.
Máis tarde chegarían dous mozos vestidos con camisas e vaqueiros, sentados e apoiados no valado que deixaba ver unha
parte de Manhattan detrás, ollando para o mocoso que subscribe mentres cantaba
os coros de Mrs Robinson e soñaba con conducir o Alfa Romeo Spider que guiaba
Dustin Hoffman na película O Graduado.
Eran tempos de inocencia, de soños, de
esperanzas e de construción de alicerces para toda unha vida, na que incluso cantei
dúas cancións nun escenario, Honky Tonk Woman en Pontevedra e Have you ever
seen the rain en Barcelona.
Feliz verán.
Comentarios
Publicar un comentario