![]() |
Inauguración da expo en Valdoviño. @xurxofernández |
O artista total José Manuel Méndez expón
neste mes de xullo na Casa da Cultura de Valdoviño. A obra alí exposta por
Pitelos, así asina dende hai uns anos, non é unha retrospectiva pero si unha
recompilación de obras de varias coleccións dos últimos anos. No “marco incomparable”
tanto pola luminosidade da sala como pola espectacular paisaxe da praia de
Valdoviño que se ve a través da inmensa parede de cristal da sala principal, as
obras de Méndez debullan un percorrido polo seu propio interior, polo que máis
lle inspira, xa sexan as alegorías, esas mutacións da realidade que grazas a
algúns elementos non trasladan a outra realidade mítica en moitos casos, xa
sexan os propios mitos. O clásico e contemporáneo e vangardista están presentes
na obra de Méndez.
Presidindo a sala e a exposición, catro esculturas
toman o control representando moito máis que as catro estacións do ano. A vida,
dende o fulgor do nacemento, pasando polo estalido dos sentidos, a madurez e,
finalmente, a experiencia vital reflectida no inverno, recio, robusto e sabio.
Pitelos, é dicir Méndez, estivo moi ben
acompañado na inauguración. Ademais de moito público en xeral, alí estaban
outros membros do colectivo “Pataca” ao que pertence, todos eles atentos a un
acto introducido por María Arias no que, ademais das palabras de presentación
do que subscribe e o agradecemento do propio artista, tamén participou o
alcalde de Valdoviño, Alberto González.
Valdoviño é xa un novo taller de
fecundidade no que Méndez traballa xa en novas obras, máis alá da recreación da
praia da Frouxeira, nas que os ovos voandeiros van seguir agromando para maior
gloria do creador e gran satisfacción dos seguidores do artista compostelán.
Comentarios
Publicar un comentario